10 Fervenzas de Galicia que non te podes perder

17 Xullo 2021

As fervenzas de Galicia son parte da paisaxe natural da terra do mil ríos. Se estás aloxado en calquera dos establecementos de turismo rural de Galicia sempre terás varias delas preto. En moitas delas poderás vivir a experiencia única de tomar un baño nunha poza de augas cristalinas e deixarche acariñar pola masaxe natural das súas frías augas. Aínda que é imposible mencionalas todas, nin sequera as máis destacadas, realizamos unha pequena selección para que descubras as fervenzas de Galicia, desde as máis espectaculares a algún recuncho escondido onde poderás gozar ao teu aire, lonxe de aglomeracións e rodeado de natureza.

 

Fervenza do Toxa

Unha das máis espectaculares e coñecidas fervenzas de Galicia, a Fervenza do Toxa é parada obrigada para o visitante que desexe mergullarse na natureza. Situada no Concello de Silleda, cos seus máis de 60 metros de caída vertical, compite por ser a máis alta de Galicia aínda que, como adoita suceder nestes casos, a controversia está servida. Está ben sinalizada e o acceso desde a zona de aparcadoiro é un curto paseo por un marabilloso bosque moi ben conservado. Non perdas, ademais de baixar á fervenza, a vista desde o miradoiro, tamén sinalizado. Dende alí poderás realizar varias rutas de sendeirismo. Unha delas levarache ata o próximo Mosteiro de Carboeiro, unha xoia arquitectónica noutra paraxe singular.

 

Fervenza de Ézaro

Sen dúbida, unha das fervenzas de Galicia máis emblemáticas. Situada en plena Costa da Morte e a poucos quilómetros de Fisterra,  o río Xallas precipítase no mar desde o mole de granito rosado do Monte Pindo, formando unha fermosísima fervenza. O acceso é moi sinxelo, xa que se atopa xunto a unha central eléctrica onde podes deixar o coche. Un curto paseo por unha pasarela de madeira levarache directamente alí. A Fervenza de Ézaro conta con iluminación nocturna e nas proximidades podes alugar un kaiak. Non perdas a subida ao próximo miradoiro (pódese subir en coche, aínda que coidado coa forte pendente) dende onde terás unhas vistas que che deixarán coa boca aberta. Como guinda do pastel, podes subir ao Monte Pindo, coñecido como o Olimpo Celta coas súas curiosas formacións rochosas ou bañar nas tranquilas praias que atoparás a moi pouca distancia.

 

Fervenza das Hortas

Esta é unha das xoias escondidas das fervenzas de Galicia. Situada no corazón de Galicia, a cabalo entre Touro e Arzúa e non lonxe do Camiño de Santiago, esta fervenza de máis de 30 metros de caída é das máis bonitas da nosa terra. Moi accesible tras un curto paseo, tamén pasan por alí dúas rutas de sendeirismo que merecen a pena. No blog Fervenzas de Galicia tes todos os datos para acceder.

 

Fervenza de Toxosoutos

No Concello de Lousame, entre Santiago e Noia, atopamos esta fervenza formada por dous saltos consecutivos e situada nunha contorna privilexiada, xunto ao antigo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos rodeada dun denso bosque de ribeira. É un lugar ideal para darse un mergullo en días calorosos de verán. A zona é de fácil acceso e está acondicionada con escaleiras e pasarelas de madeira. Trátase dun auténtico remanso de paz, unha pequena sinfonía de auga, pedra e bosque que convida a relaxarse e deixar voar os teus pensamentos.

 

Fervenza de Belelle

45 metros de caída converten á Fervenza de Belelle  nunha das máis impresionantes fervenzas de Galicia. Situada no municipio de Neda, moi preto da cidade de Ferrol, é de fácil acceso por unha pista asfaltada e sinalizada que parte da aldea de Ou Roxal e leva a unha minicentral eléctrica, desde onde parte un carreiro que nos levará até ela en poucos minutos. A auga cae con bastante forza e crea unha nube de auga, polo que é fácil mollarse. Moi preto, tamén sinalizado, hai un miradoiro desde o que podes contemplala desde máis lonxe. 

 

Seimeira de Vilagocende

Seimeira é como se denomina ás fervenzas nesta zona de Galicia. Estamos na Fonsagrada, un auténtico paraíso natural no norte da provincia de Lugo, xa moi preto de Asturias. A Seimeira de Vilagocende compite coa Fervenza do Toxa polo título da máis alta de Galicia. Todo depende desde onde se mida. O que si é seguro é que se trata dun salto de auga que parece sacado dun conto de fadas, rodeado de bosque e de moi fácil acceso por un carreiro de pouco máis dun quilómetro. Sen dúbida, un lugar máxico que debes visitar nesta zona de Galicia. 

 

Fervenza das Brañas

Voltamos ao centro de Galicia, esta vez ao municipio de Toques, onde atopamos outra das fervenzas de Galicia máis emblemáticas, aínda que esta é moito menos coñecida.  A Fervenza das Brañas ten uns 40 metros de altura e xunto a ela atoparás un antigo muíño, algo que é moi habitual en todos os ríos e regos de Galicia. Pódese chegar en coche ata ela e está moi ben sinalizada. 

 

Parque de Natureza Río Barosa

En pleno Camiño Portugués, no municipio pontevedrés de Barro, atopamos esta zona recreativa, construída ao pé dunha ancha fervenza cuns 30 metros de desnivel. Ademais da espectacularidade da fervenza en si, aquí atoparás un magnífico exemplo do enxeño dos nosos devanceiros para aproveitar a forza da auga para moer o gran. Nada menos que dezasete muíños distribúense ao longo da caída da auga. Aquí moíase o gran por quendas tras a colleita e, como en todas as zonas de muíños, a espera acababa converténdose nunha festa popular na que se comía, bebía, cantaba e bailaba mentres se agardaba quenda para moer. De aí procede o baile tradicional máis coñecido de Galicia, xunto coa música que a acompaña: a muiñeira.

 

Fervenza de Augacaída

En plena Ribeira Sacra, no municipio lucense de Pantón, atopamos esta xoia natural. A Fervenza de Augacaída non é tan accesible como as anteriores, pero o sendeiro foi acondicionado con escaleiras e pasarelas de madeira nos puntos máis difíciles. Cunha caída duns 40 metros, esta fervenza é un dos lugares máxicos e pouco coñecidos da Ribeira Sacra. O camiño de acceso ten ao redor de dous quilómetros e parte das proximidades da aldea de Marce. Ten en conta que o desnivel que hai que salvar é importante, polo que reserva forzas para a subida. Esta fervenza está tan agochada entre un espeso bosque que saberás que está aí polo son das súas augas, pero non a verás ata case chegar a ela, o que aínda lle dá máis encanto. 

 

Fervenza de Castriz

Situada no municipio de Santa Comba, a metade do camiño de Compostela a Fisterra, a Fervenza de Castriz foi convertida nunha preciosa área recreativa sen restarlle un ápice de espectacularidade.. Cun acceso moi sinxelo, xa que podes chegar en coche ata poucos metros, esta fervenza conta con muiños restaurados, área de picnic e pasarelas de madeira. Ideal para o xantar ou a merenda con nenos. Deixámoste un vídeo cortesía da Casa do Ghabino, que atoparás moi preto, que permite ver a fervenza a vista de paxaro.

 

Bonus track: Fervenza do Pozo Negro

Esta non é unha fervenza grande nin moi espectacular. Escollémola como exemplo dos miles de pequenos paraísos que se atopan diseminados por toda a xeografía de Galicia. Situada no municipio de Brión, a poucos quilómetros de Santiago de Compostela e moi preto do río Tambre, esta pequena fervenza e a súa correspondente poza de augas frías e escuras atópanse no medio dun bosque. É totalmente accesible para persoas de calquera idade nun curto paseo desde as aldeas de Ons ou A Igrexa. Se estás aloxado nun establecemento de turismo rural en calquera punto de Galicia, seguro que che orientarán sobre onde atopar sitios similares moi preto. Un remanso de paz para o corpo e a mente.

 

Esta é unha pequenísima selección dos centos, posiblemente milleiros, de fervenzas en Galicia. Grandes ou pequenas, concorridas ou solitarias, as fervenzas forman un todo indisoluble co bosque. Lugares cheos de maxia que che recargarán as pilas se te deixas levar polo son da auga. 

 

Lembra que estamos a falar de espazos naturais, moitos deles protexidos, que son hábitat de moitas especies animais e vexetais. Esta é a súa casa, polo que si decides visitala, respecta a contorna e déixaa igual que a atopaches. A nosa recomendación é que non grites nin fagas moito ruído. Simplemente senta, goza dun baño se o lugar o permite e deixa que os teus sentidos se empapen da beleza que che rodea. Ademais, no bosque o silencio ten premio: é o único xeito de que algún dos seus habitantes se deixe ver.