Descobre as rías máis pequenas de Galicia

23 Outubro 2021

Cando falamos das rías galegas sempre nos veñen á mente os nomes das máis grandes e coñecidas, esquecéndonos de que en Galicia hai algunhas pequenas rías que merecen (e moito) unha visita. Imos falarche delas.

Ría de Lires, a máis pequena de Galicia

A ría de Lires é a máis pequena das rías galegas, tanto que moitas persoas non a coñecen. Situada no corazón da Costa da Morte, entre os cabos Touriñán e Fisterra, o río Castro ábrese ao mar tras o seu paso pola pequena aldea de Lires. É un pequeno paraíso para as aves mariñas e brinda a quen a visita uns espectaculares atardeceres desde as dúas praias que a escoltan: a pequena de Lires e a impoñente praia de Nemiña. Un pequeno paseo desde a aldea de Lires levarache á boca da ría, onde che recomendamos a súa fantástica posta de sol.

Tanto na propia aldea de Lires como nas súas proximidades atoparás varias casas de turismo rural onde aloxarte e vivir unha experiencia única que combina campo e mar.

Ría do Barqueiro, a xema oculta das Rías Altas

O río Sor, tras o seu percorrido encaixonado entre montañas onde nos deixa recunchos espectaculares como a fervenza de Augas Caídas, fúndese co mar na recóndita e coqueta Ría do Barqueiro, a primeira das rías cantábricas de Galicia.

Flanqueada polo impoñente cabo de Estaca de Bares e os próximos cantís de Loiba, xusto no punto no que a ría se abre ao mar atópase un dos pobos mariñeiros máis bonitos de Galicia: O Barqueiro, co seu diminuto porto de pescadores rodeado dun anfiteatro rochoso desde o que as casas parecen derramarse sobre a auga. Alén, a espléndida praia de Area Longa condúcenos ata o pobo e porto do Vicedo. Ademais, o ferrocarril de vía estreita que chega ata Asturias desde Ferrol ten varias paradas a pé de ría.

Nesta ría atoparás cantís, pequenas praias con augas dunha intensa cor turquesa, bosques para perderse e moito máis que che convidamos a descubrir en persoa aloxándote nalgún dos establecementos de turismo rural que atoparás na zona.

Ría de Foz, o corazón da Mariña

Foz é unha das capitais turísticas da Mariña lucense. Recibe o seu nome da ría na que se atopa (e non ao revés) porque esta ten forma de fouce. Trátase dunha antiga vila mariñeira que alberga unha xoia arquitectónica: a basílica de San Martiño de Mondoñedo, que foi catedral e non una calquera, senón a máis antiga catedral de España que se conserva en pé, consagrada como tal no século IX.

A ambos os dous lados da ría, nos municipios de Foz e Barreiros, atoparás moitas praias nas que gozar dos deportes acuáticos. A ría de Foz ofréceche tamén fermosos atardeceres desde o miradoiro do Pico da Lebre. E se buscas natureza en estado puro, a propia ría é un espazo protexido que alberga numerosas aves acuáticas e o río Masma, orixe da ría de Foz, discorre terra dentro entre un bosque de ribeira que non debes perder.

Ría de Aldán, a enseada que quixo ser ría

Parece unha ría, e de feito coñécese así, pero a Ría de Aldán non é unha ría senón unha enseada profunda, xa que carece de río que a orixine. Situada no extremo da Península do Morrazo, numerosas praias balizan as súas costas.

Entre Cabo Udra e a punta de Couso, tres parroquias contan con costas na ría: Aldán e O Hío pertencentes á próxima Cangas do Morrazo, e Beluso, pertencente a Bueu. Xusto enfronte, a Illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que poderás visitar solicitando autorización previa.

Moi preto do pobo de Aldán non debes perder o Bosque Encantado, na finca do Frendoal, antigo lugar de recreo dos condes de Aldán que mesmo posúe un pequeno castelo en miniatura. Un lugar que fai honra ao seu nome.

Outro dos puntos imprescindibles é o cruceiro de O Hío, tallado no século XIX e considerado o mellor cruceiro de Galicia pola espectacularidade das súas esculturas.

Por suposto, na ría de Aldán atoparás unha oferta gastronómica onde o peixe e o marisco son protagonistas, ademais de aloxamentos de turismo rural para gozar dunha escapada perfecta.