Sete paseos de outono en Galicia

12 Novembro 2021

O outono en Galicia é unha época ideal para gozar do paseo ou a camiñada tranquila polos bosques, ríos, costas ou montañas. Sen aglomeracións, cunha temperatura agradable e unha choiva que, se aparece, será mansa e non interromperá o teu paseo a nada que leves a roupa e calzado adecuados.

En calquera aloxamento de turismo rural de Galicia daranche información completa sobre lugares próximos para pasear ou roteiros de sendeirismo. Escollemos unha pequena mostra para que te fagas unha pequena idea, pero hai miles de quilómetros de sendeiros acondicionados e sinalizados que che convidamos a descubrir. E despois do paseo agárdate a cálida hospitalidade, a gastronomía e a charla relaxada en calquera das casas rurais. Se podes, non o dubides e fai unha escapada ao rural de Galicia no outono.

Fervenzas de Pereiro (Poio, Rías Baixas)

Moi preto de Pontevedra, no veciño municipio de Poio, en pleno corazón das Rías Baixas, propoñémoste un paseo desde a aldea de Pereiro de Abaixo ata a fervenza da Freixa Alta. Un percorrido de pouco máis de dous quilómetros ida e volta acompañados polo Rego do Pereiro. Un auténtico oasis de tranquilidade e relaxación que conta con pasarelas de madeira para facilitar o acceso.

O bosque benedictino de Santa María de Pesqueiras (Chantada, Ribeira Sacra)

Este paseo é circular e ten 3 quilómetros de percorrido. Comeza e termina nunha xoia do románico agochada nun bosque de castiñeiros: a igrexa románica de Santa María de Pesqueiras, antigo mosteiro de monxas benedictinas do século XIII. Desde aquí o roteiro discorre por camiños amplos entre castiñeiros e carballos, cunhas magníficas vistas do canón do Miño e o próximo encoro de Belesar, ata volver á igrexa da que partimos.

Roteiro do Castro Lupario e Pazo de Faramello (Teo, Terras de Santiago)

Este roteiro moi preto de Santiago percorre lugares históricos moi relacionados coa peregrinación xacobea. Desde a carballeira de Francos un curto paseo lévanos á antiga ponte de Paradela, da que se conserva o arco, nunha paraxe de gran beleza, para desde alí e seguindo o curso do río Tinto chegar ao Pazo de Faramello (pode visitarse con reserva previa). Bordearemos o Pazo seguindo o río nun magnífico bosque de ribeira con freixos e carballos de enorme altura, deixando á nosa dereita o mítico Castro Lupario, ata chegar á encantadora illa do Río Tinto, convertida en área recrativa, e de alí á próxima aldea de Angueira de Castro, unha das máis fermosas da zona. En total, un 3,5 km de paseo se facemos o roteiro de ida e volta.

Refuxio de Verdes (Coristanco, Costa da Morte)

Nada fai sospeitar a quen se achega entre campos de millo ao refuxio de Verdes a marabilla que vai atopar. Antigo refuxio de pescadores e acondicionado como área recreativa, o río Anllóns forma varias illas que están unidas por pontes de madeira entre un marabilloso bosque. Unha sinfonía de pedra, auga e verde ideal para un paseo no outono, xa que adoita estar moi concorrido no verán. Farás unhas fotos fantásticas.

Paseo pola Ría de Viveiro (Mariña Lucense)

Este fermoso roteiro na Mariña lucense bordea a ria de Viveiro ata a zona na que o río Landro deixa de selo para transformarse na ría. Comeza no mosteiro de Valdeflores, que conta cunha igrexa gótica do século XV e discorre xunto á ría por unha pasarela de madeira, ofrecéndonos magníficas vistas e un observatorio privilexiado para as numerosas aves acuáticas que a habitan. O roteiro ten unha lonxitude de 3,5 km (7 km se fas ida e volta) e finaliza na área recreativa de Portochao xunto ao río, un lugar ideal para descansar e repoñer forzas.

De ponte a ponte en Soutomaior (Rías Baixas)

Este roteiro está moi preto do impoñente castelo de Soutomaior, de visita obrigada. Discorre pola beira do río Verdugo, que pouco despois desemboca na ría de Vigo. Comeza na ponte medieval de Comboa, do século XIII, e percorre o fermoso bosque de ribeira do río. A sopresa final: unha ponte colgante sobre a profunda Poza das Bestas. Este precioso camiño ten unha lonxitude de 1,7 km (só ida).

Muíños de Costa da Égoa (Carral, Rías Altas)

Este conxunto de muíños está situado xunto á casa rural Costa da Égoa, e é unha verdadeira marabilla para relaxarse e pasear. Unhas escaleiras xunto á casa axudan a salvar o desnivel e transpórtannos a unha paisaxe deses que non imaxinas que seguen existindo. 14 muíños inmersos nun espeso bosque que outrora servían para aproveitar a forza do río Abelleira, que baixa saltando caprichoso entre as rocas. Os carreiros están acondicionados e contan con varandas e pasarelas de madeira, pero debes levar calzado adecuado porque o chan adoita ser esvaradío.