Como usar a tarxeta turística #QuedamosEnGalicia nun aloxamento de turismo rural?

12 Agosto 2021

Para axudar á reactivación do sector turístico o pasado mes de abril, a Xunta de Galicia promoveu o lanzamento da Tarxeta Turística #QuedamosEnGalicia 2021.

Unha vez aberta a convocatoria para solicitar a devandita tarxeta moedeiro, o éxito da mesma foi tal que en poucas horas cubríronse as previsións.

Se es unha das persoas afortunadas posuidoras dunha destas tarxetas turísticas #QuedamosEnGalicia 2021, parabéns!

Lembra que deberás usala antes do 31 de decembro de 2021 en establecementos turísticos de Galicia. Consulta a lista aquí.

¿Podo escoller tamén un establecemento de turismo rural?

Por suposto!! 165 aloxamentos de turismo rural en Galicia estamos adheridos a dita iniciativa.

Se xa tiñas motivos dabondo para decidirte polo turismo rural –podes revisalos nesta publicación–, aquí tes algúns máis:

Gozando do campo, estarás preto da casa

Aínda que tentamos mantelo en segredo, é difícil ocultar que en Galicia sabemos que a nosa terra é un Paraíso. Levaría varias vidas coñecela. Aquí agárdante infinidade de recunchos, cheos de engado e beleza.

Quizais xa estiveches nos máis coñecidos, pero seguramente aínda tes moitos por descubrir, camiñar, sentir e vivir, e mesmo nos que gozar dunhas vacacións únicas e inesquecibles sen viaxes longas.

Mesmo pode que sexas das persoas que para protexer a súa saúde ou por temor a ter que regresar anticipadamente sodes reacias a viaxar a destinos lonxanos e optades por vacacións en Galicia ... ate para teletraballar!

Sexa cal sexa o motivo, o caso é que agora tes a oportunidade de gozar de experiencias que nin imaxinabas.

Mellor aloxamentos pequenos, sen amoreamentos

Nas casas de turismo rural de Galicia podes gozar de altos niveis de confort e servizos profesionais e dunha coidada calidade. Dado o pequeno número de persoas hospedadas, é posible un trato familiar e personalizado.

Ten por certo de que o aloxamento en turismo rural é seguro

Coma sempre, seguimos extremando a limpeza e a hixiene e cumprindo estritamente as medidas e recomendacións das autoridades sanitarias.

No rural, podes desenmascarar o teu sorriso

E é que nos lugares a visitar próximos aos establecementos de turismo rural de Galicia, cando camiñas entre prados ou ribeiras, entre soutos e carballeiras ou cando te vas bañar no río, nunha poza ou nunha praia solitaria, escusas poñer máscara. Ese algunha persoa se achega, abondará con que manteñades a distancia. e, se ides botar una parola, volver a poñela de novo.

O que invistas en turismo rural de Galicia en Galicia queda

As persoas que xestionamos establecementos de turismo rural somos profesionais autónomas ou constituímos pequenas empresas. A grande maioría de nós vivimos no campo galego.

O pasado ano, unha boa parte dos aloxamentos de turismo rural en Galicia só abrimos tres ou catro meses. En 2021, aínda que a situación mellorou, as restricións de mobilidade e as sucesivas ondas de contaxio fan que nos manteñamos na incerteza e con precaución respecto das previsións a curto e medio prazo.

Descansando, contribúes a xerar futuro e benestar no rural

Os establecementos de turismo rural somos pequenos motores de dinamización económica da comunidade na que vivimos. A maioría dos materiais e produtos para o uso, consumo e a elaboración das receitas que onda nós probarás e degustarás son de producións locais.

Ademais creamos alternativas de emprego, tanto para a xente que traballa nos nosos aloxamentos, como para todas aquelas coas que temos sinerxías: p.ex: guías de natureza e labregas, gandeiras ou forestais, profesionais do mantemento ...

Visitándoo, contribúes á protección do patrimonio rural

É evidente que se un territorio se constitúe como atracción turística e xera ingresos para os que nel viven, á hora de investir, ben sexa por iniciativa de carácter público ou privado, os recursos flúen máis doadamente. Administracións, institucións e mesmo as persoas das propias comunidades amósanse máis sensibles e predispostas á hora de protexer elementos e valores patrimoniais se senten que éstes resultan atraentes para as persoas que os visitan e desexan facer un uso responsable deles.

Todo esto debe sumarse ao empeño de xente anónima, ao traballo teimudo e titánico de quenes desde o saber investigan e estudan calquera dos eidos patrimoniais que nos conforman. É así como se salvaron e restauraron moitos elementos arquitectónicos e históricos que, de non ser por iso, permanecerían no esquecemento ou estarían perdidos para sempre.

Así que cando reservas nalgún dos establecementos de turismo rural de Galicia estás a contribuír a xerar decisións e políticas que achegan investimentos para a protección, restauración e posta en valor dos patrimonios históricos, etnográficos e culturais e para a defensa dos espazos naturais contra a presión urbana ou outras actividades nocivas para o planeta.

Porque todos contamos, contamos contigo

A pandemia vai seguir un tempiño aí, golpeando a toda a humanidade, pero aínda que somos pequenos e, polo tanto, vulnerables a calquera crise, se nos apoiamos mutuamente, teremos éxito.

Xa ves, ti tamén podes axudar a reverter a situación, aínda que sexa aos poucos. Agardámoste!

 

P.D: Gárdasnos un segredo? Este outono vai ser moi especial en moitos dos establecementos de turismo rural. Emocionarse coas súas cores, gozar canda as persoas que ben queres mentres descubrides novos arrecendos, aromas, sabores e texturas, será doado, especialmente para quenes aínda teñades euros na Tarxeta Turística #QuedamosEnGalicia2021. Digamos que vai ser un outono gastronómico moi especial.... Axiña che contaremos algo máis del. Chao!