Catedral de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela (A Coruña)
  • Catedral de Santiago de Compostela - foto 1/1

Santiago non existiría sen a súa Catedral. Con mil anos de historia, este edificio foi cambiando co paso dos séculos… e acumulando pequenos segredos que poden pasar inadvertidos para o visitante. Imos contarche algúns.

  • Si miras con atención, verás que moitas pedras do interior da catedral teñen unhas curiosas marcas gravadas. En realidade todas están marcadas, a maioría no lado que non se ve. Trátase das marcas que fixeron os canteiros que tallaron as pedras na praza do Obradoiro (que significa “lugar de traballo dos artesáns” en galego). Aos canteiros pagábaselles por pedra terminada, polo que asinaban cada pedra cunha marca única, que ademais facilitaba a colocación de cada pedra no seu sitio exacto. Identificáronse 2.300 marcas de canteiro na catedral.
  • Dentro da catedral atoparás unha capela, chamada da Corticela. Non é unha capela, é unha igrexa independente, aínda máis antiga que a propia catedral. É o que queda dun antigo oratorio do século IX. Debido á construción da nova catedral a partir do século XI, esta pequena igrexa deixou de ter entrada desde a rúa e desde entón accédese a ela desde o interior da propia catedral, pero mantén a súa independencia como parroquia e ten toda unha historia de rivalidades e intrigas que che convidamos a descubrir.
  • Aínda que hoxe non se ven dende a rúa, a primitiva catedral románica era tamén unha fortaleza e segue tendo almenas nos seus tellados. A relación entre os arcebispos e os composteláns podía chegar a porse moi tensa.
  • Baixo a nave principal da catedral hai un cemiterio de orixe romana que se utilizou ata a época sueva no século VIII. Neste cemiterio é onde a tradición conta que o bispo Teodomiro, seguindo as indicacións do ermitaño Paio, achou a tumba do Apóstolo no ano 813.
  • Se quedas ata a noite, na Praza da Quintana apareceráseche a pantasma da catedral. Búscaa, acode cada noite se sabes onde mirar.

Hai moito, moito máis do que se ve a primeira ollada. O Museo da Catedral contén auténticos tesouros, desde o Codex Calixtinus a unha reconstrución do antigo coro de pedra do Mestre Mateo ou a capela onde están enterrados varios reis de Galicia e León. Anexo á catedral atópase o pazo de Xelmírez, que oculta no seu interior un espectacular comedor, xoia do románico de uso non relixioso e que foi a primeira sede do Parlamento de Galicia en 1981. 

 

Localización

Que ver