Trátase dun impoñente edificio modernista asinado polo gran arquitecto galego Antonio Palacios, autor de moitos edificios emblemáticos en Vigo e, sobre todo, en Madrid, onde son obra súa o Palacio de Cibeles (actual sede do Concello), o Círculo de Belas Artes, a Casa das Cariátides (hoxe Instituto Cervantes) e o deseño das primeiras estacións e o logotipo do Metro de Madrid, entre outras moitas.
En 1924 Palacios deseñou o edificio principal de granito que alberga as turbinas xeradoras de electricidade, nun estilo case relixioso que lle fixo acredor do alcume de “Catedral industrial de Galicia”, xunto coas vivendas do xefe da central e dos enxeñeiros, que hoxe forman un hotel de natureza.
Este emprazamento xa era coñecido polos monxes do próximo mosteiro de Toxosoutos, que tiñan aquí unha pesqueira e secadero de peixe.
Unha pequena área de picnic baixo as árbores xunto ao río permitirache gozar da paz e a relaxante paisaxe. Ademais, unha ruta de sendeirismo parte da propia central e bordea o río augas arriba, inmersa nun espeso bosque de ribeira.