A muralla romana de Lugo

Lugo
  • A muralla romana de Lugo - foto 1/1

A cidade de Lugo tivo unha gran importancia en época romana. A Lucus Augusti dos romanos, fundada no nome do emperador Augusto no ano 13 a.C. foi un enclave estratéxico para o imperio, que aseguraba o control do comercio e as vías de comunicación do noroeste peninsular. Xa no século III, ante as ameazas de invasións bárbaras, iniciouse a construción da muralla romana de Lugo, que hoxe se considera a mellor conservada de todas as murallas que rodearon ás cidades do Imperio Romano.

Declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000, a muralla romana de Lugo ten a particularidade de que se conserva enteira, segue rodeando o centro histórico da cidade e sufriu moi poucas modificacións nos seus 1.700 anos de historia. Foi das poucas murallas que se salvou intacta do derrubo sistemático dos muros defensivos nas cidades españolas do século XIX, para dar paso aos novos ensanches. No caso de Lugo, ás cinco portas orixinais da muralla romana engadíronse outras cinco. 

Pasear pola muralla de Lugo

A muralla romana de Lugo ten unha lonxitude de 2,1 quilómetros, unha anchura de máis de 4 metros e unha altura de entre 8 e 12 metros. Consérvanse 70 das 86 torres de defensa que formaban parte dela. Pode ser percorrida na súa totalidade pola súa banda superior, constituíndo un inmellorable miradoiro, tanto cara ao centro histórico de Lugo no seu interior como cara ao resto da cidade e os seus arredores. 

Se visitas Lugo, non perdas a Catedral e un paseo polo centro intramuros, onde numerosas escavacións arqueolóxicas sacaron á luz partes da antiga cidade romana. Para repor forzas, a coñecida como Rúa dos Viños e as rúas contiguas son unha delicia gastronómica onde os establecementos de hostalaría compiten por ofrecer aos seus clientes as mellores tapas para acompañar as súas bebidas. 

 

Localización

Que ver