Numerosas rutas de sendeirismo a ámbolos dous lados da fronteira permitiranche explorar as marabillas naturais desta vasta extensión de montañas, bosques e vales co río Limia como protagonista, co permiso do río Caldo, que recibe este nome polos distintos mananciais termais que se atopan no seu curso, o que fai que as súas augas sexan quentes nalgúns tramos. Frondosos bosques onde a vexetación vai cambiando sutilmente e o carballo empeza a deixar paso a outras especies sureñas, elevadas fervenzas e paisaxes únicas faranche vivir unha experiencia inesquecible.
Os romanos deixaron aquí a súa pegada en forma de restos de antigos campamentos das lexións, xa que nestas montañas atopábase o único paso que permitía a comunicación entre as capitais romanas de Braga e Astorga.
Xunto ao parque atópase o ‘Couto Mixto’ unha área conformada polas aldeas de Rubiás, Meaus e Santiago, que até 1864 foi unha “terra de ninguén” independente de España e de Portugal.