Se buscas unha casa rural na montaña, Galicia ofréceche un mundo de posibilidades.
Aínda que máis coñecida pola súa costa –onde rías, illas, praias e cabos compoñen paisaxes litorais de beleza única e inigualable- Galicia é tamén montaña. Na súa lonxeva orografía altérnanse serras, chairas e vales cunha espléndida e espectacular natureza.
Xuntas, Natureza e Humanidade foron modelando unha incomparable sucesión de veigas e terras chairas, profundos vales e redondeados cumios. Perderse por elas, percorrelas calmadamente e percibilas con todos os sentidos é a fórmula maxistral imprescindible para recargar de enerxía corpo, mente e espírito.
Aínda que moitos montes e serras adoitan ser cumios de escasa elevación, quen desexe entrar ou saír polo Leste -atravesando as serras orientais que conforman as divisorias entre Galicia, Asturias, Castela e León- toparase coas serras dos Ancares, O Courel, Manzaneda, Eixo ou Queixa nas que se erguen os máis altos cumios galegos. Se destacable son os 1934 metros do Mustallar nos Ancares de Lugo, os 1643 metros do Monte Formigueiros en O Courel ou Cabeza de Manzaneda -onde grazas aos seus 1778 metros, é posible practicar deportes de neve na súa estación de montaña-, aínda máis o son os 2127 metros de Pena Trevinca, na provincia de Ourense no límite con Zamora, os que a erixen como o cumio máis alto de Galicia.
En todas estas zonas dispoñerás de numerosos aloxamentos rurais en plena montaña. Estas áreas constitúen auténticos monumentos naturais de incalculable valor ecolóxico, paisaxístico e cultural. Altos cumios, vales glaciares, espesos bosques, ríos, fervenzas e pequenas aldeas onde o tempo transcorre calmadamente, lonxe do boureo e as présas das grandes urbes. Un auténtico paraíso para todas aquelas persoas amantes do sendeirismo, que atoparán unha gran cantidade de roteiros de pequeno e longo percorrido, sen esquecer que os distintos Camiños de Santiago tamén discorren por entre estas montañas.
Calquera casa rural na montaña de Galicia ofrece a posibilidade a persoas viaxeiras como ti de gozar de experiencias turísticas na natureza que facilitan o equilibrio entre o benestar físico, a saúde emocional e a paz do espírito.
Ao teu ritmo poderás gozar dunha variada oferta de actividades, desde roteiros guiados a pé, en BTT, en canoas ou piraguas; sesións de mindfulness e respiración consciente ou paseando con todos os sentidos entre árbores en fantásticos e saudables baños de bosque.
Tamén terás a oportunidade de observar de preto a excepcional flora e fauna que esta terra atesoura ou o estrelado firmamento de Galicia, pois as montañas son punto privilexiado para as persoas afeccionadas á contemplación e á práctica da astronomía. Sabías que o macizo de Pena Trevinca é Destino Turístico Starlight grazas, entre outras razóns, á súa ausencia de contaminación lumínica?
Decidirse por unhas vacacións en aloxamentos de turismo rural na montaña de Galicia é, seguramente, a túa máis acertada elección. Porque se ás súas frescas temperaturas de verán, a súa explosión de cores do outono e da primavera ou as paisaxes nevadas do inverno -estampas sempre atractivas e suxestivas e ideais para visitar en calquera época do ano-, úneslle o pracer de gozar da amable hospitalidade dos anfitrións e da abundante calidade dos pratos que con mimo elaboran con produtos naturais da terra, resistirse sen sucumbir de gusto, É misión case imposible.
Lembra que en Galicia as casas rurais na montaña son aloxamentos moi demandados, así que se esta é a túa opción, tómate o tempo xusto para pensalo e reserva canto antes!
Meréceste un respiro xa, e Galicia é o destino seguro e de calidade que buscas.
Ademais, durante as vacacións en Galicia só as persoas aloxadas en establecementos regrados gozarán de cobertura de seguro fronte á Covid19.
Todas as casas rurais na montaña que aquí aparecen son establecementos de turismo rural homologados e cumpren coas normativas sanitarias, turísticas e de seguridade vixentes legalmente establecidas.
Cada casa de turismo rural pode establecer un mínimo de noites a reservar, podendo ser dita cifra variable en función da tempada.
Para máis información preme aquí.