Turismo rural en tren por Galicia: O teu propio Grand Tour

30 Xullo 2025

Por que facer turismo rural en tren por Galicia?

 

Hai quen di que para coñecer un país hai que camiñar. Outros, que hai que saborealo. Nós propoñémosche algo diferente: sentarte ao carón da fiestra dun tren e deixar que Galicia che fale a través da paisaxe. Porque si, viaxar en coche é cómodo... pero quen conduce, conduce. Non ve a carballeira que acabas de cruzar, nin o río que se agocha baixo a ponte, nin o cartel que anuncia “chourizo caseiro” nunha pequena aldea que apenas aparece no mapa.

As viaxes longas en coche acaban por parecer carreiras de fondo. Parar para estirar as pernas, buscar onde tomar algo ou, simplemente, aguantar o tráfico, pode facer que cheguemos ao destino xa esgotados. E que dicir de Google Maps, que a veces decide innovar rutas e levarnos por camiños que só os xabaríns recoñecen.

O turismo rural en tren por Galicia desacelera o tempo. Podemos simplemente mirar, respirar, vivir.

Este é o noso Grand Tour: unha viaxe con alma pola Galicia rural, onde cada parada é unha historia, e cada casa rural un fogar. Unha forma distinta de viaxar, que pon no centro a experiencia, a conexión co territorio e o gozo do camiño.

De raíles e memorias: o espírito do Grand Tour

Na Europa do século XIX, os mozos da aristocracia facían o Grand Tour para formarse, coñecer, aprender. Era un rito de paso cultural, e o tren foi a ferramenta que fixo posible cruzar fronteiras, coñecer cidades e paisaxes, e regresar coa maleta chea de experiencias. Hoxe, viaxar así semella un luxo... pero en Galicia é posible. Grazas á rede de trens que percorren o país, podes revivir aquela idea orixinal: deterte, observar, descubrir, saborear.

As estacións pequenas agochan vilas que son xoias: Monforte e os seus viños heroicos, Ribadavia e a súa historia xudía, Betanzos e a tortilla que fai que se deteña o tempo. A cada paso, unha oportunidade para coñecer a nosa terra desde outra perspectiva.

E sempre preto, unha casa rural onde rematar o día cun zume recén feito, un paseo polo xardín ou unha sombra baixo a parra, e un colchón que che abraza. Porque este Grand Tour galego é tamén unha viaxe emocional: de volta á casa, á natureza, ao tempo das relacións, da amizade.

Casas rurais preto de estacións: aloxamento ideal para a túa viaxe en tren

Son moitas as casas rurais de Galicia próximas a estacións ferroviarias. Aloxamentos ideais para baixar do tren e deixar que o rural che reciba co seu encanto natural: natureza viva, pedra con historia e esa calor de fogar que só se atopa cando alguén che di "pasa, estás na túa casa".

Aquí deixamos algúns exemplos para inspirarte, entre moitas outras que fan do Grand Tour galego unha experiencia única e memorable.

  • Pazo de Sedor (Arzúa) – Preto da liña Santiago-Ourense, esta casa ofrece historia, xardíns e un almorzo caseiro que cura o estrés.
  • Casa Grande de Rosende (Sober) – Moi preto da estación de Monforte de Lemos, permite explorar a Ribeira Sacra desde unha antiga casa señorial con viñedos.
  • Casa do Romualdo (Taboada) – Na contorna da liña Ourense-Lugo, é perfecta para mergullarse na Galicia interior con propostas culturais e gastronómicas.
  • Casa Brandariz (Arzúa) – Nunha contorna natural espectacular e preto de puntos ferroviarios clave, con filosofía slow e cociña de produto.

Aquí non hai hoteis clónicos nin recepcionistas con sorriso de manual. Aquí hai casas que che abren a porta con nome e apelidos, que che ofrecen marmelada feita onte e que coñecen a historia da pedra do camiño. Fogares que gardan lembranzas, e que saben recibir.

Pazos restaurados, casas labregas ou aldeas enteiras reconvertidas en fogares rurais, moitas delas asociadas a Galicia Turismo Rural, espérante moi preto dalgunha estación. Chegas, baixas e xa estás. Sen buscar aparcadoiro, sen présas, sen mapas.

Algunhas destas casas ofrecen, ademais, actividades complementarias: visitas a adegas, paseos a cabalo, catas, roteiros guiados ou simplemente o pracer de escoitar o silencio do campo mentres che preparan un almorzo de verdade.

O sabor da terra entre estacións

Cada parada é tamén unha mesa posta. O tren lévate por comarcas con nome de prato: o Ribeiro, a Ribeira Sacra, o Deza… onde o viño é arte e o cocido, relixión. E todo iso, sen necesidade de elixir quen non pode beber porque ten que conducir.

En cada territorio hai un produto, unha receita, unha estación. No inverno, caldos e queixos curados que reconfortan corpo e alma. Na primavera, grelos frescos, flores comestibles e sobremesas que saben a xardín. No verán, marmeladas caseiras, xeados artesáns e viños novos con conversa lenta. E no outono, magostos, pan recén saído do forno e esa sensación de acougo que trae o frío con cheiro a lareira. O tren achéganos a esa Galicia de tempada, onde comer é tamén aprender, e cada bocado conta unha historia distinta.

Final do traxecto... ou quizais o comezo

Este non é un artigo máis. É unha invitación. A que peches o navegador, colles un billete e subas ao teu Grand Tour galego. Un que non precisa pasaporte, nin maleta grande. Só ollos abertos, fame de calma... e ganas de descubrir o que hai ao outro lado da ventá.

Porque hai outra forma de viaxar. Máis lenta, máis consciente, máis nosa. E Galicia, con cada estación e cada casa rural, está lista para recibirte.

 


Preguntas frecuentes sobre os Trens Turísticos e o Grand Tour galego

1. Os trens turísticos de Galicia funcionan todo o ano?

Non. Estes servizos operan principalmente nos meses de xuño a outubro, con saídas os sábados. En 2025 están previstas 31 saídas, pensadas para gozar do mellor de Galicia en tempada alta e media.

2. Onde podo mercar os billetes para os trens turísticos?

Podes facelo a través de diferentes canles:

  • Na web oficial: www.renfe.es
  • Nas taquillas das estacións de Renfe
  • En axencias de viaxe asociadas
  • Por teléfono: 912 320 320

Lembra indicar a túa estación de orixe no momento da compra. Algunhas canles poden aplicar gastos de xestión adicionais.

3. Canto custa e hai descontos dispoñibles?

  • Adultos: 45 €
  • Nenos/as (3 a 13 anos): 20 €
  • Grupos de 10 ou máis adultos: 15% de desconto

4. Que tipo de rutas ofrecen os trens turísticos de Galicia?

As rutas están deseñadas para descubrir a Galicia máis auténtica:

  • Rutas do viño: Ribeira Sacra, O Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei...
  • Rutas culturais e históricas: Pazos e xardíns, mosteiros, castelos, faros...
  • Rutas gastronómicas: Como a dos queixos con denominación de orixe.
  • Rutas naturais e temáticas: As Mariñas, visitas a fábricas emblemáticas, rutas en barco...

https://www.renfe.com/es/es/experiencias/trenes-tematicos/trenes-turisticos-galicia 

5. Que é o Galicia Rail Pass?

É un bono que permite viaxar por Galicia en tren a un prezo especial. Podes consultar máis información en: Galicia Rail Pass – Renfe

6. Desde onde parten os trens turísticos?

As principais cidades de saída son A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago e Vigo. Verifica sempre o punto de partida concreto ao facer a túa reserva.