En setembro, o turismo rural de Galicia aberto por vacacións!

Galicia Turismo Rural   |   01 Setembro 2021   |   Turismo rural Galicia

O Turismo Rural de Galicia afiánzase como a alternativa de turismo que mellor recolle as preferencias dos turistas que buscan tranquilidade e seguridade no aloxamento, ao mesmo tempo que procuran espazos abertos e atractivos turísticos en contornas naturais pouco masificadas.

Os datos deste verán así o avalan. A grande afluencia de hóspedes tanto de fora de Galicia como de persoas da nosa propia Comunidade, está a facer que os niveis de ocupación nos aloxamentos rurais sexan mellores incluso que os de antes da pandemia, superando en promedio o 85% de ocupación.

As vacacións en setembro gañan adeptos cada ano

Ano a ano, este mes estase a converter no favorito de moitas persoas, onde o sol segue a ofrecer luz e calor dabondo para gozar das praias e piscinas, de roteiros por camiños e lugares, así como de moitas actividades ao aire libre.

Para as persoas que desfrutan do turismo rural, é una época especialmente favorable para gozar das colleitas do fin do verán e do comezo do outono.

Como xa fai menos calor, é posible atopar mesa e cadeira nunha terraza e desfrutar da tardiña, acceder a moitos dos elementos patrimoniais, especialmente entre semana. O mesmo ocorre á hora de atopar entradas para determinados lugares e espazos a visitar.

Os que atenden nos postos das feiras, comercios e tendas das de toda a vida teñen máis tempo para atendernos pois hai menos clientes, e mesmo os prezos baixan algo. Mesmo a viaxe en coche faise agradable pois a morea de xente apurando por chegar aos sitios diminúe ostensiblemente.

En suma, optar por aloxarse en establecementos de turismo rural de Galicia en setembro é unha inmellorable decisión se o que se quere é gozar plenamente de calquera dos DESTINOS que Galicia ofrece de xeito seguro.

De cara a setembro, a previsión é que continúe esta liña sobre todo nas tres vindeiras semanas  do mes, nas que cada vez máis persoas profesionais ou xubiladas aproveitan para gozar do merecido descanso, mesmo  para unha escapada antes de volver ao traballo.

As reservas no turismo rural increméntanse en setembro

Segundo manifestan varias das persoas propietarias, obsérvase un incremento das consultas e reservas, tanto para o mes que comeza como incluso para outubro. Na Mariña Lucense, Costa da Morte e Rías Baixas estase a notar un incremento de persoas viaxeiras procedentes do interior de Galicia e de Comunidades como Castela e León, País Vasco e Madrid.

Algo semellante sinalan casas rurais do interior (Celanova, Baixa Limia, Ribeira Sacra, A Estrada ou das Terras do Deza e do Condado-Paradanta). Neste caso as persoas visitantes proveñen das provincias costeiras A Coruña e Pontevedra, na procura dun cambio de aires.

Mesmo din que se están a recibir reservas de pequenos grupos de amizades ou familiares que apuran estas datas para realizar encontros e celebracións ou dar comezo as saídas en grupo con actividades de natureza.

En setembro arranca a vendima nas denominacións de orixe e a recolleita de diversos froitos da terra, facendo que sexa unha época moi acaída para visitar as nosas vilas e aldeas e conectarse coa cultura popular. Iso si, sempre con moito sentidiño para seguir vivindo con saúde.

As casas rurais de Galicia somos o lugar idóneo tanto polas instalacións dispoñibles, o servizo personalizado e o trato profesional que ofrecemos.

Preto de 200 establecementos de turismo rural de Galicia dispoñibles na nosa web

Desde a FEGATUR, Federación Galega de Turismo Rural, vimos de renovar a web www.galiciaturismorural.es. Nela xa está dispoñible información para poder acceder a máis ampla oferta turística con preto de 200 establecementos distribuídos por toda a xeografía galega. Atoparás información actualizada e relevante, como por exemplo en que establecementos se pode facer uso do bono turístico “Quedamos en Galicia”, ou que establecementos se ofertan a pe de costa ou na montaña, cales se alugan completos ou por habitacións. Así mesmo, pódense descubrir cales ofrecen gozar da gastronomía da zona a prezos moi axeitados, paseos por paraxes engaiolantes ou rutas de sendeirismo con diversos atractivos tanto paisaxísticos como de patrimonio natural ou cultural.


En definitiva, o Turismo Rural galego segue aberto por vacacións durante este mes de setembro, camiñando cara ao outono, onde a paisaxe se transforma de novo ofrecéndonos unha nova oportunidade para seguir gustando da Galicia rural... pero de iso falaremos na próxima entrega.