Un primeiro criterio de clasificación pode facerse segundo a tipoloxía do edificio. Aquí cho resumimos dun xeito sinxelo:
Se o teu son os pazos, as casas grandes ou as casas reitorais en Galicia, Parabéns! 45 Pazos, 18 casas grandes, 17 casas reitorais e outros 5 edificios agardan por ti. Todos eles compoñen o grupo A que, polas súas características e valor arquitectónico singulares, son recoñecidos como tales polos organismos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Construídos antes de 1900, teñen entre 5 e 15 cuartos.
Se optas por casas de aldea en Galicia, estás de sorte! Tes 381 para escoller. A súa antigüidade, anterior a 1940, e as características construtivas, reflicten o carácter típico das casas galegas. Teñen entre 3 e 10 habitacións.
Se como hóspede estás desexando participar en actividades agrícolas, podes facelo nunha das 56 casas de labranza, casas situadas, obviamente, en zonas rurais e que teñen entre 2 e 10 habitacións, neste caso sen precisar determinada data de construción.
O cuarto grupo está formado polas 8 aldeas de turismo rural de Galicia. Son 3 ou máis casas situadas no mesmo núcleo de poboación e distantes de menos de 500 metros. Como as casas da aldea, estas tamén son anteriores a 1940 e cada aldea está xestionada conxuntamente por unha única propiedade, ofrecendo tamén actividades complementarias e de lecer ás persoas que alí se aloxan.
Como puideches ler, séguense os criterios de respecto á arquitectura tradicional do entorno onde se atopa cada aloxamento. Esta clasificación, no canto de atender á calidade do servizo, refírese ao tipo de construción, materiais, instalacións e equipamentos, así como a outras dependencias nos cuartos e nos arredores.
Todos os aloxamentos de turismo rural teñen capacidade para un pequeno número de persoas. Isto permítenos ofrecer un trato familiar e recibir ás persoas hospedadas dun xeito difícil de atopar noutro tipo de aloxamentos.
Agora ben, se o que buscas é a excelencia, terás que fixarte tamén nos establecementos distinguidos coa Q de Calidade –en Galicia son 23, 10 na provincia de A Coruña, 7 na de Pontevedra e 6 na de Lugo–, Galicia Calidade ou o selo do Sictec. Ditos aloxamentos procuran a diferenciación implantando modelos de xestión sostibles e de calidade.
Nas casas de turismo rural de Galicia observamos as máis estritas medidas sanitarias incluídas na normativa de desinfección, hixiene e limpeza.
É preciso que prestes atención a se o establecemento de turismo rural se pode reservar completo, para uso exclusivo dun grupo familiar ou de amizade, ou se ofrece por cuartos, xa que neste caso é a persoa propietaria a encargada de preparar e servir os almorzos, xantares ou ceas, así como da limpeza diaria das habitacións e do resto das dependencias.
Comproba que o número de identificación do aloxamento no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas comeza por TR-. Se carece del ou comeza con outras letras non é un aloxamento de turismo rural. Esixe dita identificación. Así evitarás decepcións ou malas experiencias. Só os aloxamentos de turismo rural autorizados e inspeccionados regularmente polos organismos competentes ofrecemos unha garantía de servizo. Nin somos hoteis nin casas de vacacións, aínda que nos nosos aloxamentos veñas gozar das túas vacacións!, tampouco somos unha casa nin un apartamento turístico, nin moito menos unha VUT!.
GALICIA TURISMO RURAL é unha plataforma de reserva online dirixida a todos aqueles viaxeiros e viaxeiras que teñan interese en coñecer os atractivos turísticos dos distintos xeodestinos de Galicia, aloxándose en establecementos de turismo rural con encanto e integrados na paisaxe natural que os rodea.
Nesta plataforma cada vez participan máis establecementos da rede existente, de xeito que se pode considerar o principal recurso de contratación de turismo rural de Galicia. Fegatur (Federación Galega de Turismo Rural) promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).