Outono Gastronómico: Unha oportunidade única para degustar os mellores produtos da nosa terra

Galicia Turismo Rural   |   14 Setembro 2021   |   Gastronomía

Non pecamos de presuntuosos se dicimos que en Galicia cómese moi ben. Con todo, as comidas tradicionais galegas non son moi elaboradas porque non o precisan. Entre as receitas máis emblemáticas da cociña galega non atoparás complexas salsas ou pratos nos que non se sabe moi ben que estés comendo, simplemente porque os produtos cos que se elabora a nosa cociña son de primerísima calidade, así que por que ocultalos ou disimulalos? Ese é o gran segredo: en Galicia non tes que buscar moito para cociñar coa mellor materia prima. E se, como nós, vives no rural, boa parte desa materia prima tela, literalmente, na porta de casa.

Esa é tamén a filosofía do Outono Gastronómico no turismo rural de Galicia. Dar a coñecer unha parte importantísima da nosa cultura, como é a gastronomía, baseada na sinxeleza e a calidade dos produtos cos que se elabora. Porque a un chuletón de tenreira galega, a un peixe fresco das rías ou ás verduras das nosas hortas (por poñer tres exemplos) non hai que vestilos demasiado, senón tratalos con agarimo e co bo facer que herdamos dos nosos devanceiros: só o xusto para que goces plenamente do seu sabor. E, despois da experiencia de 14 anos de Outono Gastronómico, nesta 15ª edición podemos afirmar con rotundidade que vaste emocionar coa nosa gastronomía.

Pequenas explotacións, grandes produtos

En Galicia impera o microfundio. A inmensa maioría de explotacións agrícolas e gandeiras son explotacións familiares de pequeno tamaño nas que todos os detalles están moi cuidados e prima a calidade sobre a cantidade. Auga non nos falta e ademais a Natureza bendíxonos coas nosas rías, verdadeiros verxeis para a pesca artesanal e cos mellores mariscos que poidas imaxinar. Todo isto permítenos ofrecerche produtos de altísima calidade a prezos moi asequibles, xa que na súa maior parte son produtos locais, mesmo de quilómetro cero.

Que vou atopar nos menús Outono Gastronómico?

Atoparás desde pratos tan tradicionais como a empanada, o caldo ou as caldeiradas, ata suxerencias máis innovadoras, sempre conservando o toque caseiro que caracteriza á gastronomía no turismo rural de Galicia. Nos aloxamentos da costa ou preto dela verás abundancia de propostas con peixes e mariscos das rías, mentres que no interior non faltará a tenreira galega, o polo de curral, o porco autóctono ou peixes de río como a troita ou o salmón salvaxe. Ollo, que algunhas casas do interior son famosas polos seus pratos de peixe e algunhas da costa preparan unha carne exquisita.

Hai propostas para todos os gustos: gozar de carne ou peixe á grella, elaboracións a baixa temperatura que prácticamente se desfán na boca, pratos elaborados con verduras de produción ecolóxica, queixos con Denominación de Orixe como Arzúa-Ulloa, Ou Cebreiro, San Simón, Tetilla....

Produtos da terra na súa mellor época

En todos os menús utilízanse un ou varios produtos galegos con Denominación de Orixe ( DO) ou Indicación Xeográfica Protexida (IGP), ademais de produtos de agricultura e/ou gandería ecolóxica certificada.

Non poden faltar os froitos de outono máis emblemáticos do bosque galego: as castañas e os cogomelos están presentes en moitas das propostas gastronómicas, nalgúns casos en formas que che sorprenderán.

E non, non nos esquecemos das verduras e legumes, moitas delas tamén con calidade certificada, como as famosas Fabas de Lourenzá. Grelos, patacas de Galicia, pementos de Herbón.... así ata completar unha listaxe de 6 Denominacións de Orixe e 14 Indicacións Xeográficas Protexidas de produtos agroalimentarios.

Mención aparte merecen as sobremesas, que van desde as máis tradicionais e deliciosas como o queixo con marmelo ou as tortas e biscoitos típicos de cada zona, a cousas tan suxestivas como un cremoso de chocolate especiado con pera acaramelada e crocante de Mel de Galicia.

E para beber?

Todos os menús Outono Gastronómico están acompañados de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia, seleccionados con mimo para maridar perfectamente con cada prato: Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras. Pouco podemos contarche sobe estes viños que non se dixo xa: Viños galardoados, en moitos casos, con prestixiosos premios internacionais e cuxa tradición se remonta nalgunhas zonas á época dos romanos.

Contarémosche máis detalles sobre distintas propostas gastronómicas en próximos posts, pero se queres gozar dun auténtico festival de outono para todos os sentidos, non o dubides e reserva xa a túa escapada ao Turismo Rural de Galicia.

Bo proveito!