A sinfonía dos abrazos | A primavera

Galicia Turismo Rural   |   26 Marzo 2022   |   Descubre Galicia

A Federación Galega de Turismo Rural, FEGATUR, ven de estrear na súa canle de Youtube e nas redes sociais a segunda das catro fases da súa atractiva proposta A SINFONÍA DOS ABRAZOS, neste caso, A PRIMAVERA, para seguir a promover o turismo rural de Galicia como oferta segura, diferenciadora e de calidade.

Realizado a base de espléndidas e espectaculares imaxes e sons da natureza, da flora e fauna que nos rodea, este vídeo é froito do paciente, apaixoado e xeneroso oficio de dous documentalistas  que veñen de tecer unha fermosa loanza a prol do respecto á vida.

Ante o dramático contexto de terror, barbarie e sen razón no que nos atopamos e as súas derivadas económicas e sociais, a FEGATUR, lonxe de inhibirse ou manterse allea (ten ofrecido xa a institucións a súa solidariedade coas persoas ucraínas refuxiadas, mesmo preparan pequenos eventos solidarios), quere contribuír a xerar un espírito positivo e alentador que permita espallar tenrura e abrazos, o mellor dos antídotos pacifistas do que dispoñen para loitar contra o odio, o rancor e a crueldade, e promover a fraternidade entre quenes habitamos este planeta.

Con este vídeo a Federación, tamén nos anima a proseguir facendo vida e gozando dela, recurso imprescindible de sanación e conciencia do que somos e do que debemos evitar ser. Confían, así mesmo, sirva, de eficaz revulsivo para que compañeiras e compañeiros redobren ilusión e esforzo lembrando que contribúen ao benestar de cantas persoas se achegan a esta terra. Lembran que na web www.galiciaturismorural.es e doado reservar en máis de 225 aloxamentos de turismo rural de Galicia homologados e espallados por boa parte da xeografía galega, poderoso atraínte para que as persoas viaxeiras e axencias de viaxe sigan tendo o turismo rural de Galicia como aposta segura, saudable, solidaria e sostible.

 

Imaxes cortesía de José Arantes

 

Tal e como sinala o presidente da FEGATUR, Francisco Almuíña Chorén, “Coa Sinfonía dos Abrazos | Primavera, seguimos tentando crear unha comunicación diferenciadora e proactiva, e facémolo contando coa leda complicidade da xente que procura unha casa rural en Galicia, amosándolle e achegándolle pequenas realidades diarias da fauna e a flora que alentan e agroman ao noso carón, dándonos auténticas leccións de vida.”

Segundo subliña, “ Cando na nosa Terra as persoas e o resto dos seres vivos procuramos unha convivencia harmoniosa, é  dicir: respectuosa, sostible e colaborativa- , é doado gozar de emocións e experiencias que rexeneren corazóns, mente e espírito”.

Como a miúdo gusta de concluír, “Abonda con deixarse levar e vir compartir saberes, sabores e sentires”.