Tres plans de turismo rural para descubrir Galicia no verán

Galicia Turismo Rural   |   06 Xullo 2021   |   Gastronomía Natureza Turismo rural Galicia

Galicia é un microuniverso (ben, non tan micro en realidade). Canto pensas “vou viaxar por Galicia” a pregunta lóxica é que parte de Galicia queres ver?. Hai moitos lugares considerados imprescindibles para descubrir Galicia no verán, pero o termo “imprescindible” depende do que busques ou che apeteza ver e facer. 

Desde Galicia Turismo Rural queremos propor algúns plans alternativos que seguro que che resultan interesantes. Escollemos zonas apartadas das rutas turísticas máis concorridas no verán, todas elas cun número importante de aloxamentos de turismo rural para que te montes as túas propias rutas ou utilices algunha delas como base para explorar toda a zona.

 

Plan 1: Buscando o Norte

As comarcas do Norte da provincia da Coruña  ofrecen unha combinación única de costa e interior. Atopámonos no extremo Norte de Galicia, comezando polos arredores da cidade de Ferrol (Ferrolterra) e continuando pola costa ata Ortegal, para culminar no punto xeográfico máis ao norte da Península, que ademais marca a separación entre océano Atlántico e mar Cantábrico: o cabo de Estaca de Bares.

 

Fotografía cedida por Turismo de Galicia

 

É esta unha costa salvaxe, onde atoparás praias famosas polas súas ondas, como Valdoviño, os cantís máis altos de Europa continental con máis de 600 metros de caída cara ao mar no seu punto máis alto, a garita de Herbeira, lugares privilexiado para a observación de aves, pobos mariñeiros como Cariño, Cedeira e Ortigueira… e moito máis. Un punto ideal para descubrir Galicia no verán dunha forma distinta.

Aínda que son innumerables os puntos de interese, eliximos catro que non deberías perder:

  • Percorrido en ferrocarril de vía estreita. Partindo da estación de Ferrol, un ferrocarril de vía estreita percorre o interior da zona até alcanzar a costa preto de Ortigueira, continuando despois pola costa de Lugo até penetrarse en Asturias. Numerosas paradas en pobos con encanto e paisaxes costeiras que quitan o alento. Máis información horarios e percorrido aquí

  • Lagoa e areal de Valdoviño. As praias desta zona son un paraíso para os surfeiros de todo o mundo, onde se celebran numerosas competicións internacionais. A lagoa adxacente á costa (A Frouxeira) é un espazo natural protexido e un punto privilexiado para a observación de aves. 

  • Serra da Capelada e San Andrés de Teixido. “A San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo”. Toda unha lenda rodea a este santuario ao que, como conta o dito popular, terás que ir despois de morto (reencarnado en animal) se non o visitaches en vida. A ruta por estrada para chegar até alí é unha explosión de beleza paisaxística, salpicada pola presenza constante de cabalos bravos que viven en semiliberdade. Moi preto de alí, na ruta cara ao cabo Ortegal, chegarás a Vixía Herbeira, cos seus impresionantes cantís batidos pola bravura do Atlántico. Con máis de 600 metros de caída, estes son os cantís máis altos de Europa continental. 

  • De Ortegal a Estaca de Bares. A costa entre estes dous cabos está chea de lugares incribles onde realmente sentes como actúan as imparables forzas da Natureza. Desde as rocas máis antigas da península Ibérica (e das máis antigas do mundo) ata “o banco máis bonito do mundo” nos cantís de Loiba,  pasando polos dous cabos cos seus respectivos faros. Por nada do mundo pérdasche a posta de sol desde calquera dos miradoiros da ruta. Poderás facer fotos espectaculares e sen dúbida é unha forma fantástica de descubrir Galicia no verán.

 

Plan 2: Seguindo o río Ulla

Desde o seu nacemento na comarca luguesa da Ulloa ata a desembocadura na ría de Arousa, o río Ulla percorre o corazón de Galicia ao longo dos seus 130 quilómetros. Un percorrido para descubrir a Galicia interior no verán. Frondosos bosques de ribeira, pontes medievais, fervenzas… Unha  terra de montes, pastos e pazos cunha enorme tradición de turismo rural e unha rica gastronomía, entre a que destacan os queixos máis renombrados de Galicia: os da D.O. Arzúa-Ulloa.

 

Fotografía cedida por Turismo de Galicia

 

Convidámoste a descubrir a Galicia interior no verán. Tres visitas imprescindibles:

  • Mosteiro de Carboeiro e Fervenza do Toxa. Situado nunha espectacular paraxe xunta ao río Deza, afluente do Ulla, o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é unha visita imprescindible. A súa igrexa foi recentemente restaurada e é un exemplo da transición do románico ao gótico en Galicia. A poucos quilómetros atópase a Fervenza  do río Toxa, unha das máis altas e caudalosas de Galicia á que chegarás deixando o coche e dando un paseo.

  • Área Recreativa da Peneda. Situada moi preto de Monterroso e non lonxe do nacemento do río Ulla,  é un exemplo espectacular das moitas praias fluviais e zonas de recreo que atoparás ao longo de todo o río Ulla e os seus afluentes. Un lugar ideal para relaxarse onde a pedra e a auga fúndense nun todo.

  • Pazos. Con este nome coñécese ás antigas casas señoriais que abundan en toda a conca do Ulla. Algúns deles convertéronse en aloxamentos de turismo rural. Destaca entre todos eles o Pazo de Oca, situado na Estrada, coñecido como “o Versalles galego” cuns xardíns espectaculares onde a camelia é a flor protagonista. Xa moi preto de Santiago e xunto ao Camiño Portugués convidámosche a descubrir outro pazo singular: o Pazo de Faramello

 

Plan 3: As rutas do viño

Descubrir Galicia no verán é sinónimo de boa gastronomía e excelentes viños. Non contamos nada novo, Galicia é famosa por iso. As comarcas que albergan o cinco Denominacións de Orixe dos viños de Galicia (Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) albergan multitude de adegas que poderás visitar e onde poderás probar algúns dos seus viños, que por suposto tamén che servirán nas numerosas casas de turismo rural destas zonas que atoparás facilmente na área de reservas da nosa web. 

 

Fotografía cedida por Turismo de Galicia

 

Destacamos:

  • Viticultura heroica nas empinadas ladeiras do Canón do Sil na Ribeira Sacra , onde moitas das uvas recóllense en barcas no río durante a vendima. Pouco podemos contar sobre a Ribeira Sacra que non se dixera xa, só que é unha visita obrigada no teu percorrido por Galicia no verán  si queres descubrir paisaxes, historia, gastronomía e patrimonio. Dos numerosos mosteiros da zona, que ademais lle dan nome, non perdas o pequeno cenobio de  San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia cunha igrexa escavada na propia roca repleta de sepulturas antropomorfas. Na web de turismo rural na Ribeira Sacra tes dúas propostas de rutas de mosteiros que che recomendamos, ademais de propostas de enoturismo na web específica desta ruta do viño.

  •  Os viñedos das Rías Baixas que se asoman ao mar. Unha paisaxe única salpicado de adegas e unha forma de viticultura emparrada que preserva as uvas da humidade do chan. Numerosas adegas están abertas ao público e ofrecen catas dos seus viños e visitas guiadas para que coñezas como se elaboran algúns dos viños brancos máis premiados do mundo. Nesta web tes máis información sobre rutas e actividades.

  • Se visitas O Ribeiro, non deixes pasar a oportunidade de probar o relax  nalgunhas das súas fontes termais en plena natureza. Imprescindible percorrer a zona vella e a xudaría de Ribadavia, onde poderás probar os afamados doces de orixe hebrea. Tes máis información sobre esta ruta aquí.

  • Os viños dos romanos: Valdeorras e Monterrei. Aínda que antes da chegada do Imperio Romano xa se producía viño nestas dúas zonas, foi a súa localización estratéxica xunto aos pasos montañosos polos que discorreron as calzadas romanas e a proximidade das grandes minas de ouro nas Médulas, o que fixo chegar a súa fama aos mismísimos emperadores que contaban con estes viños entre os seus favoritos. Unha mestura de cultura do viño, historia e arqueoloxía que  recomendamos visitar, nunha contorna rodeada de natureza. Aquí tes máis información sobre a ruta do viño en Valdeorras e aquí sobre a de Monterrei.