Agora abre os ollos e ven facer realidade este soño. Galicia, cos seus ceos escuros e limpos, é un bo escenario para esta éxtase cósmica.
Como cada ano, entre o 11 e o 13 de agosto, incontables partículas liberadas do cometa Swift-Tuttle entran na atmosfera terrestre creando milleiros de trazos de luz. Ese espectáculo celeste de estrelas fugaces que tanto presta e engaiola. Nomeadas como as Perseidas en lembranza de Perseo, a quen segundo a mitoloxía grega, os deuses o converteron en constelación. Seica que para celebrar o xeito en que foi cocebido, cada ano unha choiva de estrelas é derramada sobre a terra, e se queres vela con maior claridade terás que localizar primeiro esta constelación.
Tamén son coñecidas como "bágoas de San Lourenzo", foron así rebautizadas pola tradición católica en memoria das que o santo vertía mentres era martirizado enriba dunha grella de ferro ardente sobre brasas acesas. No que ámbalas dúas lendas coinciden é en convidarnos cada verán a erguer os ollos cara ao ceo e pedir un desexo.
Os establecementos de turismo rural son lugares privilexiados para vivir esta experiencia astronómica privilexiada. Son o punto de partida para explorar os ceos nocturnos, gozando do silencio e da tranquilidade que o rural ofrece, afastado do ruído, da contaminación e da masificación turística das cidades.
Tanto as persoas anfitrioas como a veciñanza, coñecedoras de lugares acaídos para a observación ben seguro que te han guiar e mesmo compartir historias, enriquecendo unha experiencia inesquecible.
Aproveita para proveerte de produtos da gastronomía local (empanadas, pan, queixos, embutidos, doces ) petiscos e larpeiradas que has poder degustar mentres agardas e contemplas. Que mellor condumio para acompañar unhas noites máxicas!
Ceo, xeografía e natureza conforman a nosa paisaxe rural e fan de Galicia un espazo privilexiado para a observación astronómica. A Fundación Starlight, entidade de ámbito internacional, ten acreditados en Galicia diversos espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que son exemplo de protección e conservación. Trátase de escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico, á vez que promoven o turismo de observación de corpos celestes.
Os Destinos Starlight destacan pola súa calidade para a observación astronómica e a protección da escuridade nocturna, permitindo o desenvolvemento de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.
Aproveita esta oportunidade para conectar co universo!
Reserva o teu aloxamento en www.galiciaturismorural.es e prepárate para vivir unha experiencia inesquecible.
GALICIA TURISMO RURAL é unha plataforma de reserva online dirixida a todos aqueles viaxeiros e viaxeiras que teñan interese en coñecer os atractivos turísticos dos distintos xeodestinos de Galicia, aloxándose en establecementos de turismo rural con encanto e integrados na paisaxe natural que os rodea.
Nesta plataforma cada vez participan máis establecementos da rede existente, de xeito que se pode considerar o principal recurso de contratación de turismo rural de Galicia. Fegatur (Federación Galega de Turismo Rural) promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).