Outono nos bosques de Galicia (Parte 1): un mundo de cores, sabores, aromas e texturas

30 Setembro 2020

Chegou o outono e queremos debullarvos algúns motivos para visitar os bosques galegos nesta época do ano. No bosque galego orixinal, o bosque atlántico, predominan as árbores de folla caduca. entre as que destaca o carballo.

A interacción humana durante séculos fixo que só queden pequenas testemuñas do bosque orixinal, xeralmente a carón de cursos de auga (bosques de ribeira) ou áreas remotas de difícil acceso . 

O parque natural das Fragas do Eume, as devesas da Rogueira ou das Valiñas, nas terras do Courel, son sen dúbida as mostras máis relevantes que se conservan dun bosque atlántico.

Devesa da Rogueira, un dos mellores exemplos de bosque atlántico na Serra do Courel

A flora dos bosques de Galicia

Rebolos, carballos e castiñeiros esténdense por boa parte da nosa terra formando soutos, carballeiras e devesas con exemplares centenarios que foron coidados con mimo durante xeracións, pois era grande o valor dos seus froitos.

Na Galicia dos mil ríos medran bosques de ribeira, nos que predomina os ameneiros, acompañados de freixos, bidueiros, loureiros, abeleiras ou sabugueiros... . Todos eles medran canda a una riquísima variedade de plantas e matogueiras, das que a máis sobranceira son as silvas, arbusto espiñento da familia das rosáceas que desde finais de agosto ofrece as deliciosas amoras.

Omnipresentes tamén as xestas e toxos ou os fentos, auténticos fósiles vivos memoria dos tempos nos que Galicia se atopaba en latitudes máis próximas ás tropicais, ao comezo das derivas continentais.

As amoras, un dos deliciosos froitos do bosque de Galicia

Outono nos bosques de Galicia: Unha experiencia para lembrar

Pasear por un bosque no outono é mergullarse nunha sinfonía de sensacións para todos os sentidos: camiñar sobre unha alfombra de follas secas, escoitar o murmurio da auga que sempre está preto, sentir a mol frescura do musgo tapizando troncos e pedras, transitar por un pasado aínda próximo no que se combinaban o inxenio e creatividade humanas coa forza da auga para mover rodicios, mazos ou serras. perfecta e harmoniosa simbiose entre humanidade e natureza.

O outono no bosque de Galicia son tamén momentos para pararse e respirar paz, sentir a enerxía vital que nos rodea e tomar un verdadeiro baño de bosque e de natureza.

Se te aloxas nunha casa de turismo rural de Galicia podes ter a certeza de que despois do teu paseo polo bosque atoparás unha lareira acesa, unha gastronomía exquisita (lembra que estamos celebrando o Outono Gastronómico no Turismo Rural de Galicia), uns viños e licores para deleitarse con eles mentres se mantén unha boa conversa. 

Ofrecémosche a posibilidade de gozar lento nuns espazos de silencio e tranquilidade.

Respira tranquilidade no outono nos bosques de Galicia

Como a choiva calma, que revitaliza a terra preparándoa para que dea abondosos froitos, así a estadía nunha casa de turismo rural hache axudar a deixar voar a túa mente e a esquecer o estrés e a sobrecarga, recargándote de novas enerxías e anceios.

Benvido ao outono en Galicia. Benvido ao turismo rural galego