Fotografía cedida por Turismo de Galicia
Aínda que é innegable que en Galicia hai días nubrados, son moitas as noites despexadas que en calquera das estacións nos ofrecen oportunidades únicas para contemplar o ceo.
Sabías que en Galicia temos tres espazos que contan coa certificación internacional Starlight pola calidade dos seus ceos e pola ausencia de contaminación lumínica?
Pois así é, son os ceos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, os de Trevinca na fronteira entre a provincia de Ourense e a de Zamora e os do Concello de Muras no norte de Lugo. Tres lugares privilexiados para observar o ceo no verán en Galicia.
Ademais, tanto o Observatorio Astronómico de Forcarei, a través da Fundación "Ceo, Ciencia e Cultura" como o Observatorio Astronómico "Ramón María Aller" da Universidade de Santiago de Compostela, organizan programas de divulgación científica que inclúen excursións guiadas para observar o ceo, tanto a simple vista como con telescopios.
Pero aínda hai máis. Practicamente en calquera parte do interior de Galicia atoparás zonas ausentes de contaminación lumínica onde observar o ceo nocturno. Se te aloxas nun establecemento de turismo rural, lembra preguntar por zonas próximas desde as que gozar da contemplación nocturna do ceo. Estarán encantados de compartir contigo o seu recuncho favorito baixo as estrelas
A primeira chuvia de estrelas que poderás observar, aínda que con menos intensidade que as Perseidas, é a das Delta Acuáridas, que alcanzarán o seu máximo as noites do 28 e 29 de xullo.
Pero este verán de 2021 será especialmente favorable para o gran espectáculo astronómico anual que é a chuvia de estrelas fugaces das Perseidas. As tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo acadarán o seu máximo esplendor entre os días 12 e 13 de agosto, noites nas que a Lúa estará ausente do ceo. Grazas a isto, poderás ver ducias de estrelas fugaces cada hora.
Este verán tamén será moi favorable para observar do mellor xeito posible os xigantes gaseosos do sistema solar, que estarán en oposición (é dicir, se debuxas unha liña recta desde o planeta ata o Sol, a Terra estará nesa liña), así que esta vez poderás velos con especial intensidade. A oposición de Saturno será o 2 de agosto, a de Xúpiter o 20 de agosto e a de Neptuno o 14 de setembro. É un momento perfecto para, simplemente coa axuda duns binóculos, poder observar os aneis de Saturno, as lúas galileanas de Xúpiter ou ver o planeta Neptuno, non observable a simple vista.
Tamén poderás contemplar o "triángulo de verán" formado polas estrelas Vega, Deneb e Altaïr, pero sen dúbida o gran espectáculo de cada noite é a impoñente presenza da Vía Láctea, a nosa propia galaxia, que atravesa todo o firmamento, como unha gran nube composta por miles de millóns de estrelas. Tamén se coñece como o Camiño celeste de Santiago, pois quenes peregrinan no verán sérvense da súa posición no ceo para saber que dirección tomar se camiñan pola noite.
GALICIA TURISMO RURAL é unha plataforma de reserva online dirixida a todos aqueles viaxeiros e viaxeiras que teñan interese en coñecer os atractivos turísticos dos distintos xeodestinos de Galicia, aloxándose en establecementos de turismo rural con encanto e integrados na paisaxe natural que os rodea.
Nesta plataforma cada vez participan máis establecementos da rede existente, de xeito que se pode considerar o principal recurso de contratación de turismo rural de Galicia. Fegatur (Federación Galega de Turismo Rural) promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).