Unha futura Ruta da Lá en Galicia
Imaxina unha viaxe tranquila, feita sen présas, que une aldeas, obradoiros e casas rurais onde a tradición da lá aínda respira. Un itinerario auténtico no que aprender a lavar, cardar, hilar ou tecer; onde pasar a noite en fogares de pedra con historia; onde saborear produtos locais mentres descubres un oficio que estivo a piques de desaparecer. Unha experiencia que podes vivir nos obradoiros de lá en Casa Pousadoira.
Galicia ten todos os ingredientes para crear esta e outras moitas rutas. Pequenos focos de creación, investigación e artesanía que hoxe permanecen dispersos, como vagalumes no mapa rural de Galicia. Lugares que poderían formar parte dun grande relato, o da recuperación dunha fibra nobre, sustentable e profundamente nosa.
E é precisamente nesa rede incipiente onde se insire unha das paradas máis especiais, Casa Pousadoira en Miño, e os seus obradoiros adicados ao traballo coa lá.

Os puntos que manteñen viva a tradición: pequenas referencias no territorio
Aínda que a produción da lá galega perdeu forza nas últimas décadas, existen proxectos que seguen traballando para mantela viva.
Iniciativas de investigación e recuperación da fibra, artesás que renacen vellos oficios, ou creadoras como María Barros, deseñadora de moda coruñesa afincada no rural de Lugo, que aposta pola lá como materia de futuro. O seu traballo non busca regresar ao pasado, senón avanzar cara á natureza, explorando novos procesos e formas de obter valor da fibra. Investiga a creación de biomateriais sostibles, técnicas contemporáneas e aplicacións innovadoras que conectan o textil co territorio. E as nosas casas rurais que, coma Casa Pousadoira, manteñen teares activos e ofrecen formación para compartir este saber tradicional.
Puntos que poderían converterse en etapas dunha futura Ruta da Lá galega, un camiño cultural e artesán que permitiría coñecer Galicia a través das mans destas creadoras.

Un material extraordinario que deixamos de aproveitar
Durante séculos, a lá formou parte da vida cotiá galega. Era un recurso local, próximo, totalmente integrado no ritmo das aldeas. Nas casas había teares, as familias esquilaban, lavaban, fiaban… e cada xesto estaba vinculado á supervivencia e á propia identidade cultural.
Co paso do tempo, a historia foi outra. A desaparición de moitos rabaños, a chegada das fibras sintéticas e a industrialización fixeron que a lá deixase de ter valor económico. Moito do que antes era un recurso preciado, hoxe considérase un residuo.
E, porén, seguimos a ter unha fibra excelente. Cálida, duradeira, biodegradable, totalmente natural e infinitamente máis sostible que calquera fibra sintética.
Por que importa recuperar estes oficios agora
Nun momento no que a sostibilidade e a artesanía gañan relevancia, recuperar a tradición da lá significa recuperar un material orgánico e de proximidade, apoiar prácticas rurais que reducen residuos, preservar un patrimonio inmaterial que forma parte da nosa cultura, e volver ao valor das cousas feitas coas mans, onde o tempo e o coidado importan.
A lá non é só unha fibra, é unha forma de volver ao esencial da nosa cultura.

Casa Pousadoira: O refuxio da lá en Miño
En Casa Pousadoira, a tradición da lá vai da teoría á práctica vivencial, constante, que medra dende hai máis dunha década.
Begoña, propietaria da casa, descubriu a importancia desta fibra en 2011, cando o seu proxecto "Centro para a Resiliencia Pousadoira" comezaba a tomar forma. Alí, entre reflexións sobre o medio ambiente, o clima e o futuro dos recursos, Begoña viu algo que non tiña sentido, a lá das ovellas dos seus pais tiña que tirarse porque xa non servía para nada. Esa idea activou unha inquedanza profunda.
Foi entón cando contactou coa artesá tecedeira Pili Conde (Fiada Obradoiro) e organizou o primeiro curso na casa en 2012: Aprender a lavar, cardar e hilar un vellón.
A experiencia marcou profundamente a Begoña. Conseguir transformar un material considerado residuo nun fío resistente e valioso, elaborado coas propias mans, foi para ela unha revelación. Un acto sostible, terapéutico e profundamente creativo.
Dende entón, en Pousadoira impartíronse numerosos obradoiros, tanto na casa como noutros lugares. Traballaron con fío, con feltro, con tintes naturais e incluso incorporaron un tear de baixo lizo que chegou, segundo ela, "como por arte de maxia".

Obradoiro de lá: Unha inmersión práctica na tradición
Esta é unha experiencia para traballar coas mans e sentir a fibra. Nesta ocasión, o obradoiro de lá en Casa Pousadoira, guiarate por parte do ciclo de vida deste tecido:
Fiado a man da lá
Aplicación de tintes naturais
Feltrado
Será unha experiencia pensada para todos os públicos, cun enfoque práctico, sensorial e profundamente conectado coa natureza do lugar. Un espazo para crear, escoitar, compartir e redescubrir o valor do artesanal. Un obradoiro no que tamén terás a opción de xantar, durmir e almorzar na propia casa rural.
Cada fío é unha historia. Cada historia, unha Galicia posible.
A recuperación da lá é o recordo vivo da nosa identidade. Cada fiada que se tece hoxe en Galicia axuda a manter a nosa cultura. Cada obradoiro, cada peza e cada artesá que mantén vivo este saber constrúe o noso futuro e mantén o noso pasado.
Quizais, dentro de non moito, todas estas experiencias dispersas se unan finalmente nunha Ruta da Lá que nos leve a viaxar pola mellor versión da nosa terra.
Próximo obradoiro:
29 e 30 Novembro
Información e Reservas:
info@pousadoira.com
981777898 - 607767369