O turismo rural: A primeira opción para gozar sen límites

29 Agosto 2021

Neste verán de 2021 o turismo rural de Galicia situouse como a opción de aloxamento coa taxa de ocupación máis alta, algo que non podemos menos que agradecer a todas as persoas que nos elixiron para aloxarse nas súas vacacións.

Isto confirma que o turismo rural é o turismo máis seguro. Por que? Contámoscho:

As nosas medidas de seguridade hixiénico-sanitarias cumpren cos estándares máis elevados

Traballamos arreo para superar os nosos propios estándares de limpeza, hixiene e desinfección, que xa eran moi altos antes do inicio da pandemia. Xa desde o inicio fomos conscientes de que tiñamos que ir un paso por diante e fixémolo. Nos aloxamentos de turismo rural de Galicia somos moi estritos e esixentes con nós mesmos para que as persoas que se aloxan connosco estean totalmente seguras. 

Estamos en contornas abertas, en plena natureza, onde as aglomeracións non existen

Ao non estar situados en cidades ou enclaves masificados, os nosos aloxamentos ofrecen tranquilidade e relax ás persoas que comparten uns días connosco. Ademais, nos espazos naturais ao aire libre podes prescindir da mascarilla. Só terás que poñela se te paras a falar con alguén que atopes no teu camiño, en calquera outro caso e sempre que manteñas a distancia de seguridade, non tes obriga de levala posta todo o tempo. 

Nas casas que se alugan completas estás ao teu aire

Unha casa de aluguer completo é, para todos os efectos, a túa casa. Podes gozala con tranquilidade coa túa familia ou o teu grupo de amigos sen estar pendente de distancias ou restricións. Por suposto, á túa chegada atoparala totalmente limpa e desinfectada. 

As casas por habitacións son contornas seguras

Ademais de polas medidas hixiénicas, trátase de establecementos de pequeno formato con moi poucas habitacións. Nas nosas casas non hai aglomeracións en ningún dos seus espazos, porque non pode habelas. 

O nivel de satisfacción dos nosos clientes é moi elevado

Facemos todo o que está na nosa man para que a túa estancia na nosa casa sexa pracenteira. Convidámoste a gozar da nosa gastronomía, propómoste actividades de todo tipo e coidamos cada detalle. As persoas que nos visitan déixano abrumadoramente claro manifestando o nivel de satisfacción máis alto do sector turístico.