Rías Baixas e Ribeira Sacra finalistas dos National Geographic Travel

29 Xaneiro 2025

Rías Baixas opta a converterse en 'Mellor destino de praia de España', mentres que, Ribeira Sacra, loita por ser o 'Mellor destino rural de España'.

Galicia volve brillar no panorama turístico nacional co nomeamento de dous dos seus destinos nos Premios dos Lectores de Viaxes National Geographic 2025. Estas candidaturas destacan o atractivo e a diversidade das paisaxes galegas, así como a súa capacidade para conquistar tanto a viaxeiros nacionais como internacionais.

Rías Baixas

Coas súas praias de augas cristalinas, illas paradisíacas como as Cíes, e unha oferta gastronómica na que destacan os mariscos e viños Albariño, as Rías Baixas son sinónimo de relaxamento, beleza natural e hospitalidade. Nesta categoría, compiten con destinos destacados como as praias de Cabo de Gata (Almería), Costa Daurada (Cataluña), Gran Canaria e a costa occidental de Cantabria.

Paisaxe das Rías Baixas

Ribeira Sacra

Pola súa banda, a Ribeira Sacra é un exemplo perfecto de turismo rural na súa máxima expresión. Cos seus impoñentes canóns do Sil, viñedos en terrazas e unha herdanza monástica milenaria, este destino ofrece experiencias inesquecibles que combinan natureza, historia e enoturismo. Na súa loita polo título, compite con Olite e Zona Media (Navarra), Subbética cordobesa (Andalucía), Los Cameros (A Rioxa) e Ciudad Rodrigo e Sierra de Francia (Salamanca).

Paisaxe da Ribeira Sacra

Votacións

Estes premios, organizados pola revista National Geographic Viaxes, son unha oportunidade única para poñer en valor os tesouros galegos e proxectalos aínda máis no panorama turístico nacional. Por iso, anímase a todos os amantes de Galicia e os seus destinos para votar e mostrar o seu apoio.

As votacións estarán abertas ata o próximo 16 de febreiro na páxina oficial da revista.

É o momento de demostrar que tanto as Rías Baixas como a Ribeira Sacra teñen un lugar especial no corazón de todos os viaxeiros. Fai que Galicia brille aínda máis votando por estes destinos únicos!