FEGATUR. ENTREVISTA A GERMAN DÍAZ

08 Novembro 2022

“DE VALLADOLID A GALICIA POLA MÚSICA E O AMOR”

 

                                                                                                          Foto: Elena Mora                                                                                           

 

German Díaz, intérprete intenso, improvisador excepcional, músico lúdico e innovador, comparte corazón co seu Valladolid natal e coa Galicia á que chegou pola música e onde se quedou porque, ademais da música, atopou o amor.

Este home, que naceu coa constitución cando a incipiente movida e os cantautores soaban no aire musical, é un entusiasta da zanfona e transpórtano a polifonía e o ambiente da vihuela, anque tamén reivindica o bo silencio, que bota de menos hoxe en día porque unha música máis banal soa por todas partes e a todas horas.

Aínda que humilde e de modesta sinxeleza, a súa cabeza non para de ferver, perseguindo notas maxistrais e buscando o último trebello que as acompañe a coro. Creador pertinaz e xogador, é un ser curioso por natureza, tanto que ás veces, segundo el, até a súa propia curiosidade pode matalo. Apaixonado no seu discurso, austero coas súas palabras e discreto nas súas opinións, é doado imaxinalo, tras os seus lentes redondos xa de mozo, como unha formiga laboriosa, perseguindo ritmos, melodías e voces populares nos estertores dos seus cantos.

Desde Federación Galega de Turismo Ruralfalamos con Germán, despois de ter rematado os seus recitais ao serán no ciclo da I Edición de Abertas de Par en Par, para coñecer un pouco máis deste vallisogalego e galegoletano, para quen a música é unha sensación que nunca vai deixar de existir, nin o ser humano deixar de necesitar.

Germán, Valladolid canta?

-(Sorriso abafado e pausa). Valladolid canta? Pois en realidade, Valladolid canta menos que Galicia, diría eu. Porque..., é unha terra onde a música cotiá, a que xorde con naturalidade, habitualmente entre a xente, está menos presente que en Galicia. Non só en Valladolid, senón tamén en Castela.

E canto canta Valladolid na música de Germán Díaz?

-Desde unha perspectiva moi persoal, canta na miña memoria, canta nas miñas lembranzas, porque pasei toda a miña infancia en Valladolid. Pero en xeral creo que canta menos que en Galicia, onde moro agora.

Por que te fuches a vivir no seu día á aldea de Arneiro, na Terra Chá?

-Pola miña parella, porque Nadia naceu nunha casa de casa de colonización que levaba moito tempo abandonada e despois de vivir uns 10 anos en Santiago, decidimos trasladarnos ao rural e quedarnos alí, creo que outros dez anos. Agora vivimos nunha casa en Lugo porque temos dous nenos escolarizados aquí.

Daquela, de Valladolid a Galicia por amor?

-Confírmoo, si. Pero antes do amor xa comezara a tocar con xente de aquí: os irmáns PascualUxía..., comecei a ter moito traballo, foise xuntando unha cousa coa outra e quedei a vivir.

E en Valladolid, ti de quen ves sendo?

-(Risa curta). Nacín nunha familia un tanto privilexiada, porque musicalmente o noso maior referente familiar é o meu tío Joaquín Díaz que ten unha coñecida fundación, e por outra banda, o meu tío Luis Díaz Viana, irmán de meu pai, é antropólogo do Consello Superior. De aí a miña relación coa etnografía, a investigación e a recompilación do folclore. Por outra banda, na casa había música. Meu pai era médico e, aínda que non se dedicaba ás artes, tiven a fortuna de recibir a sensibilidade musical na casa, de poder desenvolvela e de contar co apoio familiar para viaxar e estudar fora cando aquí xa non había máis posibilidades.

Realizaches estudos de guitarra clásica e filoloxía clásica, cando descubriches que o que querías era tocar a zanfona?

-Foi realmente simultáneo á carreira. Estudei esas disciplinas pero non rematei ningunha delas. Comecei coa guitarra porque era o instrumento que tiña. Se tivese coñecido a vihuela ou o laúde dedicaríame a iso. A polifonía e a contorna da vihuela é o que máis me gusta: Luis de Narváez, et, etc. A filoloxía clásica foi por interese cultural. Por desgraza non acabei porque enseguida me dediquei á música. Pero váleme para moitas cousas, aínda que agora se diga o contrario.

Pois xa que escolliches a filoloxía por interese cultural, dinos, por favor, unha expresión popular que te defina.

-Miña nai! Nin sequera eu sei definirme, como pra usar unha expresión popular. Podo dicirche unha cousa que non me parece moi enxeñosa, pero se me considero algo, é ser unha persoa curiosa. Entón, quizais algunha expresión relacionada con isto... "a curiosidade matou ao gato", por exemplo. Creo que todo o que estiven facendo e fago na vida é froito da curiosidade e do interese. Curiosidade que me inculcaron de pequeno, que intento inculcar aos meus fillos e que me parece tan necesaria. E ás veces, por tanta curiosidade, pasoume coma o gato.

Supoño que terá sido o interese o que te levou a realizar ducias de cursos e seminarios cos mellores Mestres de zanfona de Europa, que che falta por descubrir do instrumento?

-Pois o marabilloso do instrumento é que non deixa de causar curiosidade. Só hai que ver a cantidade de xente que está a traballar polo instrumento, sobre todo en Galicia. Non esquezamos que en Galicia hai tres escolas de titularidade municipal nos que se pode aprender a facer unha zanfona, algo insólito no resto do mundo. Que provocou isto?, que agora, os mellores luthieres están en Galicia e toda a xente do mundo quere mercar aquí instrumentos. Eu mesmo estou decidido a facer de Lugo a capital mundial da zanfona. Creo que por historia, por referencia, pola cantidade de xente que toca aquí, é así.

Como ves, polo tanto, o presente do panorama musical galego?

-Extraordinario. A música conta aquí, está moi presente na sociedade galega: a xente nova goza da música, pódese escoitar á xente maior cantando na rúa, nos bares, lavando a louza... Ademais, hai interese e apoio institucional, a pesar de todas as críticas que se poidan facer a calquera apoio institucional e á forma en que se realiza. Moitas veces queixámonos, pero eu vindo dunha terra como Castela e León, que é bastante baldía nese aspecto, pois noto cariño, interese e que este sector se articula, que tamén pode defender un valor económico. En xeral, creo que se toca e se exporta bastante música.

Cres, por conseguinte, que se pode vivir da música en Galicia?

-Pois no meu caso vivo da música. Aínda que creo que non é moi doado, tanto socialmente como pra manter unha economía. Porque o músico, como profesional, nunca foi respectado. Todo o mundo estará familiarizado con “Si, xa, es músico, pero en que traballas? Aínda que, o mesmo podería dicirse doutras profesións liberais. Así que, en xeral, non me gusta queixarme, porque iso non vale para nada.

Dinos, por favor, a quen segues na música actual.

-É que se me vai a quedar moita xente sen citar, porque é tanta a que admiro. En xeneral sigo a canta poido. Pero, en particular, gústanme moito o grupo CaldoXabier DíazGuadi Galego, os compañeiros cos que toco, como Benxamín, que es un ser moi creativo...

E entre os intérpretes da zanfona?

-Pois tamén hai moita xente á que seguir... Valentin Clastrier,  por exemplo, é un pouco quen se inventou todo. Ten tal creatividade que é insuperable. Todo o que fai está un paso por diante dos demais, mesmo agora que terá setenta ou máis. É ineludíbel, a el debémoslle moitas cousas. Outro zanfonista que me fascina é Matthias Loibner, tamén Eleonore Furmiau, unha moza que interpreta música kurda e toca con Efrén Lopez, un músico multi-instrumentista que desfruto. Así, deica un longo etcétera. E en Galicia interésame moito o que fai Anxo Pintos, ou tamén Oscar Fernández, do que sempre admirei a súa musicalidade, a capacidade interna que ten para facer esas músicas tan sinxelas pero que dan na diana dun xeito tan preclaro.

Desde os anos noventa levas dándolle voltas á roda do mundo coa manivela da zanfona,  séntena do mesmo xeito en todas as latitudes?

-O instrumento chama tanto a atención que sorprende en calquera sitio ao que vaias. Despois, quizais, a lectura que fagan da música pode ser dun xeito ou doutro, pero a primeira reacción é de sorpresa e interese, co que se conquista ao público de calquera latitude de inmediato.

Cal foi o auditorio máis entregado que lembras?

-Pois lembro unha xira que fixemos en Ucraína, por desgraza tan presente nos nosos días, na que pensabamos que se equivocaran connosco. Estaba cun trío chamado Rao trío (baixo, batería e zanfona) e cando lle pedín ao técnico de son que me subise o monitor para escoitar aos compañeiros, cun xesto da man cara arriba, o público ergueuse e comezou a aplaudir dun xeito case enfermizo. Eu non o cría. E volvín facelo e volveu pasar.

Acumulas unha ringleira enorme de colaboracións con creadores e creadoras de música, arte, cine ou televisión, entre outros. Fáltache alguén con quen ansíes colaborar especialmente?

-Vaia! Moitísim@s. Xa toquei con moitos, pero iso non é unha virtude porque, zanfonistas profesionais que se dedican ao instrumento a tempo completo, non son tantos e hai anos aínda menos... Non me gustaría deixar a ninguén fóra. . Non sei..., podería mencionar nomes da escena mundial cos que nunca tocarei e que me encantaría. Por exemplo, con Anouar Brahem, un laudista que me encanta, ou con Egberto Gismonti, un xenio do que tanto escoitei e aprendín. En fin, xente que está noutra liga. Que logo de súpeto, se coincide, se cadra non me atrevo..., ou teño medo de merda. Nas artes gústame moito Francisco Remiseiro, un escultor de Pontevedra co que fixen o disco do Método Cardiofónico e co que teño en mente outro proxecto moi interesante sobre a creación dun Autómata Musical.

A idea está inspirada na figura de Juanelo Turriano, un curioso personaxe adiantado á súa época que foi o reloxeiro de Carlos V. Este grande polímata destaca por ter sido o autor do  enxeño toledano, a creación dunhas máquinas que, coa forza hidráulica, conseguían elevar a auga do río río Texo, salvando un desnivel de 92 metros, até o Alcázar de Toledo.

Conta a lenda que non lle pagaron polo seu traballo e ao final dos seus días acabou arruinado e, para ignominia do rei, creou un autómata chamado "o home do pao" que ía mendigando polas rúas de Toledo, unha das cales aínda ten aquel nome.

Partindo desta historia e da interesante música da época, relacionada tamén coa música tradicional, pretendemos crear un autómata que se poida conectar coa zanfona, ao xeito da  Lira Organizzata, que foi unha zanfona-órgano que existiu no século XVIII. Deste xeito, este autómata sería unha especie de instrumento mecánico que se articula e se move coa zanfona. Ah, e de paso, que pida esmola tamén, claro, pra poder sufragar invento e proxecto, para os que aínda non teño financiamento.

Pois falando de autómatas, esa orquestra de caixas de música que levas contigo, é talvez para no sentirte tan so, ou porque non queres perder ao neno que fuches?

Foto: Xaime Cortizo

-(Risa relaxada). Polas dúas cousas. Primeiro, porque tocar só é algo que cada vez me costa máis. Estando só no escenario hai que intentar cubrir todos os ocos que aparecen. E logo, efectivamente, ese son que emiten as caixas de música é tan evocador, tan máxico, que é como seguir sendo un neno e non deixar de xogar con todos eses aparellos mecánicos.

Ou sexa que, no fondo, o que pretendes é crear outro xoguete para sentirte aínda menos so e conseguir que o público goce incluso máis coa túa música.

-Pois si. Levará un tempo conseguilo, pero o soño e o proxecto están aí.

E para conseguir soños e proxectos como ese, nun mundo tan caótico coma o actual, que papel crees que debera ter a música?

-Pois precisamente nos casos extremos que vivimos, como coa pandemia, a música é necesaria, a xente quere música. A sensación que che ofrece a música nunca deixará de existir, nin o ser humano deixará de necesitala.

Din de ti que es o Miles Davis do noso folclore e o Jimi Hendrix Paco de Lucía da zanfona.

-Pois son eloxios cos que un non sempre coincide. O de Jimi Hendrix supoño que vén dos meus tempos mozos cando estaba no Rao trío e tocabamos, como novos que eramos, tan rápido como podiamos, con todo, nunca escoitei a Jimi Hendrix na miña vida. O de Miles Davis é algo esaxerado. Miles cambiou o destino do jazz. Escoiteino moito, son un admirador e seguino, pero é unha esaxeración compararme con el. En canto a Paco de Lucía, o mesmo: un músico tan importante para a cultura universal! Eu dedícome a sobrevivir como poido co traballo que fago, non ten nada que ver co que fixeron estas figuras. Hoxe en día volvo sempre á música do século XVI (a polifonía, a vihuela, o laúde). Encántame escoitala, tranquilízame.

No teu repertorio, hai algún tema que non deixarás de tocar xamais?

-Hai temas cos que te sentes máis cómodo e sempre recorres a eles. Porén, non hai ningun que considere indispensábel ou que estea sempre presente, a verdade. Aínda que dos que teño, quizais as versións que máis fago sexan as de Eternidad y un Día, composición que fixen para unha película do director de cine grego Angelopoulos.

Tratemos pois o aspecto vital, que é o que te fai erguer a ti cada mañá?

-Caben moitas reflexións sobre esa pregunta. Pero ben, o que me fai levantar son os meus fillos, que teño que levalos ao colexio. Así de pedestre é a resposta, pero así de real. Porque considero que somos moi afortunados, vivindo onde vivimos, tendo unha casa onde morar, facendo o que nos gusta, aínda que a burocracia ás veces nos asfixie. Como dixen, en xeral non hai nada que queixar.

Que che parece, entón, este humilde proxecto que pretende levar a música e a palabra en directo ao rural galego?

-Iso sempre é positivo e máis no rural. Non resulta fácil crear un circuíto deste estilo e menos nunha primeira Edición. Iso leva anos, pero como iniciativa é estupenda.

Óscar Fernández e Manu FraguelaSoledad FellozaPablo Carpintero e Rosa Sánchez,  Sofía Espiñeira, Dúo ConcertArtFernando BarrosoMercedes Prieto y Sergio Cobos, Charo Pita y Manuel Vilas, coñeces a estes colegas de reparto nesta I Edición de Recitais ao serán polas casas de turismo rural de Galicia?

-Pois persoalmente a moitos e no profesional a case a maioría; e sígoos.

Es hóspede habitual do turismo rural galego?

-Neste momento non tanto como me gustaría, sobre todo porque o meu segundo fillo é moi novo, pero temos desfrutado, e moito, do turismo rural.

E que é o que máis valoras cando chegas a unha casa de turismo rural?

-O concepto de que a xente resida na casa na que estás. Vivir a contorna e a vida cotiá das persoas que te acollen. E iso é o que diferencia o turismo rural do turismo hostaleiro, que estás con xente próxima. Son un ser bastante social e gústame coñecer aos demais, relacionarme, que me conten e me descubran cousas.

No ano 2003 colaboraches nun disco titulado Poesía Necesaria, que puña música a varios poetas españois. Cal cres que sería hoxe a poesía imprescindíbel para que ao mundo lle fora mellor?

-Nese disco non toco a zanfona, canto. E, ademais, están os músicos que admirei toda a miña vida, desde Amancio Prada, pasando por Paco Ibáñez  até María Dolores Pradera, da que son fan, con aquela capacidade que tiña na súa voz para emocionar...

Pero volvendo á cuestión, penso que a propia poesía en si sería imprescindíbel. O feito de interesarnos pola poesía, lela, arrimarse a ela, reflexionar sobre ese texto dun xeito poético... En fin, se todos nos achegaramos á poesía, o mundo cambiaría. Nin sequera tería que definir  a poesía que sería, só con ese concepto e con esa intención o mundo sería outro. Estou completamente seguro.

Que así sexa, Germán!

Moitas grazas por compartir os teus sentires connosco.