Casas rurais Galicia: pequenas festas, grandes experiencias

26 Maio 2025

Volver celebrar sen présa

Cada vez buscamos experiencias viaxeiras que nos permitan desfrutar sen estrés, conectar coas tradicións e sentirnos como se fósemos parte do destino que visitamos. Esa necesidade de volver ao esencial, de escapar das pantallas, dos horarios marcados e das aglomeracións, leva a moitos de nós a mirar cara o rural como un espazo onde recuperar o tempo e a calma.

Música na praza da aldea, mesas longas cheas de sabor local, veciños que contan historias mentres se cociña o polbo ou o churrasco. Nenos xogando, maiores compartindo lembranzas e mozos redescubrindo os camiños que levan a fontes, prados ou carballeiras. Aquí non hai colas, nin ruído, nin présa. Só tempo para compartir, brasas acesas e un xeito de vivir Galicia dende o rural, como quen regresa á casa dos avós.

Fogueiras de San Xoán, Turismo de Galicia

Aloxarse nas casas rurais de Galicia é abrir a porta a todo iso, a esas pequenas festas que ofrecen grandes experiencias.. A unha Galicia que non sae nos folletos de verán, pero que deixa pegada. Porque estas casas non son só lugares onde durmir, senón espazos onde desfrutar unha experiencia completa, inmersiva e fonda, que nos reconcilia co noso xeito máis natural de estar no mundo.

Celebracións locais do turismo rural de Galicia

Durante o mes de xuño, moitas vilas e aldeas celebran festas parroquiais, romarías e feiras tradicionais. Pequenos encontros onde a gastronomía local, a música popular e o o compartir experiencias fan que todo teña mellor sabor.

Moi preto de Beariz, a casa rural Casa da Laxa convértese nun refuxio perfecto para descansar tras gozar das Festas de San Xoán de Magros (23 e 24 de xuño). Esta celebración, como tantas outras en Galicia por esas datas, é unha homenaxe á luz, ao lume e ás súas xentes. A noite do 23 acéndese a tradicional fogueira de San Xoán, un ritual ancestral que se vive con emoción. É unha festa familiar, onde maiores e pequenos comparten mesa, historias e música baixo as estrelas. A churrascada, a chocolatada e a verbena fan que o ambiente sexa cálido e acolledor, perfecto para quen busca un turismo tranquilo e con alma. 

Ademais, Beariz conta cunha pequena praia fluvial nas proximidades, ideal para refrescarse durante o día antes de participar na celebración.

Casa da Laxa, turismo rural en Beariz

Tamén en Ordes, Casa Dona María ofréceche o descanso ideal tras unha xornada na Churrascada de Vista Alegre (8 de xuño), ou na romaría de San Xoán do Bidueiro (21 de xuño). Ambas celebracións amosan o carácter aberto e festivo das nosas parroquias nestas datas. Eventos populares e familiares, onde veciños e visitantes comparten mesa, churrasco e música ao aire libre, mentres os máis pequenos comparten xogos nun ambiente relaxado.

Pola súa banda, a festa de San Xoán do Bidueiro é unha auténtica romaría que combina tradición relixiosa con cultura popular. A xornada comeza con misa e procesión, e continúa con sesión vermú, xantar ao aire libre e xogos tradicionais galegos. Pola tarde hai foliada, e ao anoitecer celébrase a queimada con conxuro. 

Casa Dona María, Galicia Turismo Rural

Pequenas festas con sabor a rural

Hai lugares que che permiten vivir Galicia dende dentro. Onde che contan cal é a festa que non debes perder, ou onde atopar a mellor empanada feita ese mesmo día. As casas de turismo rural son, cada vez máis, espazos de acollida e de conexión coa vida local.

En Casa das Xacias, na Ribeira Sacra, entre viñedos e tradicións, podes desfrutar das festas da Virxe das Victorias en Eiré (6–8 de xuño), tres días de celebración que mesturan espiritualidade, gastronomía e cultura popular. A festa comeza cun xantar comunitaria á luz do serán, seguida de música tradicional galega e ambientación festiva. Durante o día, os gaiteiros percorren a aldea animando o ambiente, e celébrase a tradicional misa coa procesión.

Un dos momentos máis curiosos é o torneo de billarda, un deporte tradicional galego que recupera a identidade lúdica das festas campesiñas. 

Casa das Xacias, Galicia Turismo Rural

E se es amante da cultura, non perdas o festival "Son d´Aldea" en Toldaos (a inicios de setembro), un evento recente que quere poñer en valor a vida no rural. Durante o día celébranse feiras de artesanía, teatro costumbrista, contacontos para nenos e múltiples concertos de folk, rock rural e cantautores. Hai cantina con comida caseira e un ambiente integrador onde visitantes e veciñanza conviven nunha aldea viva. 

Festival Son de Aldea, Galicia Turismo Rural

Casa da Barreira, en Soutomaior, é a base perfecta para asistir á festa parroquial de Aranza (22 e 23 de xuño) que combina celebración relixiosa e folclore popular. Misas, procesións, pasarúas con bandas e verbenas nocturnas con orquestras galegas crean unha atmósfera viva, rural e tradicional.

Ao estar situada nunha zona vitivinícola, moitos aproveitan para visitar adegas locais e complementar a experiencia cun bo viño da subzona Rías Baixas-Soutomaior. Casa da Barreira sitúase no corazón deste pequeno paraíso, converténdose nun lugar perfecto desde onde vivir estas celebracións sen colas, sen ruído e con toda a autenticidade das festas da Ribeira Sacra.

Casa da Barreira, Galicia Turismo Rural

Un descanso merecido no rural de Galicia

Non fan falta grandes escenarios para vivir grandes emocións. Ás veces, unha verbena pequena, unha mesa de madeira ao aire libre ou unha conversa baixo as estrelas son todo o que precisamos para sentirnos de novo conectados co mundo.

As casas rurais de Galicia, ademais de ofrecer descanso, permítennos vivir o día a día das parroquias galegas. Moitas delas están xestionadas por familias que coñecen cada camiño, cada historia e cada receita que se cociña a lume lento. Quen se aloxa nelas leva máis ca un recordo. Leva o sabor do pan, a luz dourada das tardes do verán entre hortas e muros de pedra, e a sensación de que, durante uns días, formou parte dun lugar que o acolleu como un máis.

Este verán, dá unha volta á rutina. Escapa do ruído e descobre esta Galicia que celebra ao seu ritmo, con casas abertas e fogos acesos a esas grandes experiencias de pequenas festas que che agardan no corazón do turismo rural en Galicia.