É un documento persoal que permite acceder a vantaxes e descontos exclusivos para persoas maiores de 65 anos. Todas aquelas empadroadas en Galicia reciben o carné de forma automática no seu domicilio. Se por calquera motivo non o recibiron, poden solicitalo escribindo a:
xestion.carne65.maiores@xunta.gal
O seu funcionamento é moi sinxelo: non require activación e funciona igual que o coñecido Carné Xove. Só hai que presentalo nos establecementos adheridos para acceder aos beneficios.
Entre os múltiples beneficios que ofrece o Carné +65, destaca un moi especial para quen ama a natureza, a tranquilidade e a autenticidade: descontos de ata un 20 % en casas rurais de Galicia.
Mais iso non é todo. Se estás preparando a túa escapada ao rural, co Carné +65 tamén podes mercar esa chaqueta cómoda para camiñar ou ese sombreiro para o sol primaveral con desconto. Mesmo podes reservar nun dos moitos balnearios galegos e completar así unha experiencia de descanso perfecta.
Porque os descontos abranguen moitos sectores, pero a súa mellor combinación é, sen dúbida, co turismo rural galego.
En Galicia Turismo Rural reunimos todas as nosas casas rurais asociadas ao Carné +65, para que che resulte máis doado elixir. Podes consultalas na nosa web.
Alí atoparás información detallada de cada casa, os seus servizos, localización e, por suposto, se ofrecen desconto co Carné +65.
Este carné non é só un desconto. É unha invitación a vivir, a descubrir que a Galicia rural está aberta, amable e acolledora durante todo o ano. E, sobre todo, é unha maneira de recoñecer que envellecer con dignidade tamén é poder escoller como, cando e onde queremos gozar da vida.
Porque o rural galego tamén é teu.
Atopa toda a información en:
https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/carne65/index.html
GALICIA TURISMO RURAL é unha plataforma de reserva online dirixida a todos aqueles viaxeiros e viaxeiras que teñan interese en coñecer os atractivos turísticos dos distintos xeodestinos de Galicia, aloxándose en establecementos de turismo rural con encanto e integrados na paisaxe natural que os rodea.
Nesta plataforma cada vez participan máis establecementos da rede existente, de xeito que se pode considerar o principal recurso de contratación de turismo rural de Galicia. Fegatur (Federación Galega de Turismo Rural) promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).