No inverno galego hai tradicións que non se explican só con palabras, senón que se entenden sentándose á mesa. A Festa do Caldo de Ósos de Taboada é unha delas. Un encontro que vai máis alá dun prato concreto e que fala de comunidade, de tempo compartido e dunha maneira moi concreta de vivir o rural.
Celebrada nas terras da Ulloa e ás portas da Ribeira Sacra, esta festa insírese no calendario do Entroido como un deses momentos nos que o frío deixa de ser un inconveniente para converterse nunha escusa perfecta, achegarse á xente, ao lume e á cociña de sempre.
O caldo de ósos non é aquí unha receita recuperada nin reinterpretada. É continuidade. É prato de inverno, de lareira, de conversa longa e de corpo que se quenta pouco a pouco.

Caldo de ósos: moito máis ca un prato
Falar do caldo de ósos en Taboada é falar dun xeito de entender a cociña como acto colectivo. Un prato de culler, si, pero tamén, como se di por estas terras, de coller. De coller o óso coas mans, de achegarse ao sabor sen présa, de deixar que o tempo faga o seu traballo.
É unha cociña que non busca impacto inmediato, senón permanencia. Que non compite, senón que acompaña. E que encaixa perfectamente cun inverno vivido sen artificios, onde o pracer entra no corpo a través do quente, do sabor e da compañía.
A voz do territorio
Caldo de ósos, un pracer para quen practica a boa vida
Francisco da Casa do Romualdo
No Concello lugués de Taboada, polas terras da Ulloa e da Ribeira Sacra, reforzamos a celebración do entroido convidando a quen aquí acode, a sentarse á mesa en saborosa e xenerosa irmandade. Nestes tempos nos que o frío convida a achegarse á humana xente, sentarse ao pé da lareira e ao redor das mesas familiares, en Taboada o conforto entra no corpo, sobre todo, grazas ao noso esgrevio e sublime caldo de ósos.
Din que é prato de culler, e abofé que o é; mais tamén o é de coller...
De coller o óso coas mans, achegándoo como para bicalo, tentando que beizos , lingua e dentes se vaian apropiando a gusto das distintas texturas e sabores, xoias que o tesouro da soá amorea sobre si. Como se estivésedes a gozar do xogo da sedución, estas carnes aparentan querer manterse unidas, opoñendo apenas resistencia, agardando tan só entregárense “a gusto”*. Coa culler, e a xeito de apaixoante respiro, vanse achegando, caldo, garavanzos e patacas, suavemente perfumados de charouvía e especiados arrecendos, contribuíndo a acender, aínda máis se cabe, todos os sentidos.
En tan carnal entroido, resistirse é inútil devezo, pois de segundo,sexa tomando forma de costela, lombo ou lacón, o sagrado e porcino corpo segue, unha vez máis, facéndose presente en milagreiras aparicións, as máis das veces sobre un leito de mazás, cogomelos e lombarda. De penitencia, pan e marmelo, canda ao afamado queixo - da D.O. Arzúa Ulloa- abren a procesión das sobremesas , na que orellas, filloas e flores, desfilan humildes acompañando o trono que , cal sacrosanta hostia, ocupa a divina Xiana ou Sacrapasta.
Por suposto, que todos eles se deixan acompañar de bo grado polos viñolvidables caldos que nas ribeiras do Miño se producen.Para rematar, permítaseme desde aquí, e procurando sempre contribuír ao benvivir, compartir hoxe o mellor dos meus desexos:
Sexas de lareira ou de ribeira, Paz e Ben para ti en cada xeira
*“a gusto”: Esta expresión empregámola polas terras de Taboada co significado de a modo, pouco a pouco. Vai a gusto = vai a modiño, fai as cousas a gusto = fai as cousas a modo; faino a gusto = faino pouco a pouco.
Francisco do Romualdo

Caldoseando 2026 en Casa do Romualdo
Do 31 de xaneiro ao 1 de marzo, Casa do Romualdo propón Caldoseando 2026, unha experiencia para vivir o Entroido desde a gastronomía, o territorio e o tempo compartido. Unha invitación a sentarse á mesa, deixar que o inverno faga o seu traballo e gozar do rural da Ulloa e da Ribeira Sacra con calma.
A proposta combina aloxamento, cociña de inverno e unha ruta sensorial guiada por Francisco do Romualdo, con paseos xunto ao Miño, conversas ao pé da lareira, viño, relatos e pratos que forman parte da memoria do lugar.
Ofertas Caldoseando 2026
1 noite en cuarto dobre con baño + pensión completa + ruta sensorial: 115 € por persoa
2 noites en cuarto dobre con baño + pensión completa + media pensión + ruta sensorial: 175 € por persoa
Só xantar e paseo: 45 € por persoa (reserva previa, mínimo 48 h)
Unha experiencia para deixarse levar a gusto, pouco a pouco, entre Taboada e Chantada, descubrindo paisaxe, patrimonio e boa xente.
