De abrazos e xantares saborosos, verdes e picantes

22 Febreiro 2022

En Galicia temos hortas, leiras, soutos e ribeiras, cortellos e galiñeiros onde se cultivan, crían e medran a maioría dos que se constitúen como principais ingredientes das receitas que acotío aloumiñan os nosos padais.

Se a terra se amosa diversa e xenerosa nos seus froitos, os dous mares que nos cinguen e abrazan, semellan parellos na xenerosidade e variedade coa que nos alimentan.

Á hora de escoller dous entre ditos produtos para  falar deles neste artigo, resulta difícil decidirse por algún. Sirvan de exemplo dous  dos máis sobranceiros.

Galegas e galegos somos os maiores expertos e consumidores de algo que … A ver se o adiviñas! Dise cando alguén anda despistado ou fora do seu lugar habitual. Coma perdido nun garaxe. Xa cho digo eu, en Galicia nunca teño visto un en tal sitio e circunstancia.

Poida que haxa miles en garaxes, pero de perdidos, nada de nada. Gardadiños e a bo recaudo. Dentro dun conxelador e agardando a chegada de parentes ou amizades da familia para, chegado o día, asustalo e darlle o seu punto picante e de sal.

Chámanllo tamén a alguén que nos abruma cos seus brazos.

Seguro que xa o adiviñaches. Por certo, falando de brazos, críase que tiña oito, agora sábese que son sete, que o oitavo é o seu órgano reprodutor.

Xa ves, en Galicia somos xente pouco escrupulosa, comémosllo todo! Dende a cabeza ate o rabo! Algo parecido nos ocorre co seguinte. Ben querido, del seica nos gustan ate os andares. Poderás atopar festas de exaltación de toda a súa anatomía, ben sexa afumado, embutido, cocido, asado frixido, guisado ou ao espeto . E tamén lle poñemos  picante!. E falando de picante, permíteme que agora que nos achegamos ao entroido me deteña un intre  diante  de nomes  cos que , por veces disfrazamos  algunhas receitas que ben que nos gustan a unha inmensa minoría.

Recuncamos co caldo de ósos e cos callos, esmagamos con gusto unhas xudías con ovos e zampámonos unha hamburguesa completa sen pestanexar e ate churrasqueamos costelas e “chinchulines”. Á hora das sobremesas somos quen de roubarllas  e comerlle as orellas ás nosas avoas, nais ou compañeiras. Tamén nos van as tetas de monxa ou os brazos de xitano, por certo se os queredes facer sen gluten no blogue da benquerida  Berta Castro, El sabor de lo dulce, tedes receitas saborosísimas.

En fin, xa o cantaba o Antón Reixa en Fai un sol de carallo. Reminiscencias caníbales? Puidera ser!

Eso si, quen prefira alimentarse  co que o mundo vexetal nos ofrece, tranquilidade! Tanto Pascale na aldea rural O Viso Eco village en Ourol como Manuel no Caserío da Castiñeira en Montederramo, ofrecen saborosísimas receitas veganas e cada vez máis establecementos teñen nos seus menús pratos vexetarianos ou veganos. Que poderán ir acompañadas de viños tintos e brancos veganos de adegas como Vía Romana, Martín Códax ou Marqués de Vizhoja; cervexas artesanais e ecolóxicas. Incluso hai xa un espumoso vegano! Altos de Torona Brut e Brut Nature son os primeiros en obter a certificación V label.

En todo caso, cando veñas aloxarte nalgún dos establecementos de turismo rural de Galicia trae a memoria dos aromas, texturas e sabores entrañables que tantas veces tes soñado con volver probar.

Ah! E noraboa! Porque afortunadamente na túa memoria sempre hai espazo dabondo para gravar e integrar novos saberes, sabores e sentires! Saúde e bo proveito!