De abrazos, vidas e xantares saborosos e a gusto

Galicia Turismo Rural   |   01 Marzo 2022   |   Gastronomía Natureza Turismo rural Galicia

Promover a práctica dun estilo de vida saudable e de calidade -respectuoso cos tempos e ritmos naturais das persoas e dos ecosistemas que habitamos-, con actividades de consumo responsable, sostibles e vinculadas á gastronomía local semellan abrazos revitalizadores que contribúen a mellorar a cultura alimentaria e a saúde física, mental e espiritual da xente. Asemade van acadando que máis persoas se sumen á filosofía do bo, limpo e xusto tal e como as promotoras da “vida agusto” (slow life) e o “xantar agusto” (Slow Food*) veñen propoñendo.

*slow food: alimentos bos preparados e cociñados con esmero

Son pois eses abrazos saborosos e “a gusto” -expresión que usamos nas luguesas terras de Taboada cando nos estamos a referir a facer algo amodiño, con calma- os que nos permiten ir tomando plena conciencia do dereito a desfrutar dun xeito calmo e ledo con todos os sentidos.

Algo así é o que desde hai xa anos veñen alentando e practicando compañeiras e compañeiros en aloxamentos de turismo rural de toda Galicia. Como Begoña, na súa Casa Pousadoira, nas terras de Miño cerca da praia de Valdoviño, a lagoa da Frouxeira e a fervenza do Belelle , e a Ana, na Casa Lourán, no Val de Xestoso e Fragas do Eume. Grazas a elas os días xa pintan ben desde o comezo, porque cos seus almorzos é doado recargarte de enerxía para afrontar actividades e paseos. Neles ofrecen, canda a unha rica repostería caseira, unha grande variedade de marmeladas de amoras, framboesas, amorodos, figos ou pexegos, feitas cos froitos que nos seus arredores colleitan. Tamén leite das vacas, manteiga e requeixo -produto rei da granxa Lourán que rexenta Miguel, o irmán da Ana-. Logo, no xantar ou na cea, hanse poder repoñer forzas degustando ricas receitas, -no inverno prepárate para dar conta do afamado e espléndido cocido que a Ana ofrece -.

Insistir na importancia de investir na economía local como vía de desenvolvemento rural; promocionar os produtos alimenticios e as modalidades de produción vencelladas a un territorio,-procurando a súa preservación, catalogación e protección como bens culturais-, é o que veñen facendo realidade cos seus proxectos vitais, labregos, culturais e turísticos a Pilar desde a súa casa rural A Curiscada en Burres no concello de Arzúa, e o José Luís en Arqueixal na parroquia de Santiago de Albá en Palas de Rei.  Ambos, ademais da xestión dos seus aloxamentos rurais atenden cadansúa granxa e queixaría onde co leite orgánico e saudable das vacas elaboran queixos e un iogur exquisitos que poderás saborear cando  te aloxes neses e noutros establecementos rurais de Galicia.

Coma eles outras moitas persoas están a contribuír á salvagarda da biodiversidade e a incentivar a creación de novos proxectos agroalimentarios, etnográficos, artesanais e turísticos que acotío seguen a agromar na nosa terra .

Se ben a présa desta sociedade global busca engaiolarnos, facéndonos seres cautivos dun modo de vida frenético, mesmo no desfrute de moitos dos praceres que conforman os nosos hábitos, invadindo os nosos fogares, empurrándonos a alimentarnos con comida estándar, rápida, e por veces  de dubidosa calidade e salubridade, semella que aínda estamos a tempo de recuperar a sabedoría e de liberarnos da abafante velocidade que nos podería encarreirar a facer da humanidade unha especie en vías de extinción.

Fronte á tolemia do modelo consumista de boa parte da sociedade na que vivimos nos países desenvolvidos, faise inaprazable e perentorio retomar un xeito de vida calmo e tranquilo .

Confundir multiexperiencia con frenesí é un erro do que só se sae cunha axeitada dose de praceres sans e seguros, aplicados de tal xeito que proporcionen un gozo lento e prolongado.

Si, pero por onde se comeza?

Pode ser pola mesa, coas comidas, procurando hábitos cotiáns tranquilos e calmos que axuden a redescubrir a inefable e inmensa riqueza dos aromas, sabores e texturas dos produtos de quilómetro cero respectuosos co ecosistema e fuxindo de estandarizadoras e empobrecedoras ofertas.

Se o frenético modelo -que en nome da produtividade tratan de impoñernos - ven modificando a nosa vida, ameazando de paso o medio ambiente e os espazos naturais, o modelo de “vida e o xantar a gusto” é hoxe unha resposta de vangarda, case que revolucionaria que debemos ofrecer .

Só un xeito de vida tranquilo pode asegurar un mellor porvir para a humanidade e o planeta .

Por eso é imprescindible o compromiso e apoio sostido e cotián das persoas, asociacións, institucións e administracións para que pasiño a paso, este modo de vida se convirta en algo que vaia avanzando día a día. Aprendamos dos caracois!