Casa do Romualdo, Taboada (Lugo), é un dos vintecinco magníficos e singulares escenarios nos que baixo o lema “Abertas de Par en Par” se celebrarán ditos eventos entre o 24 de setembro e o 13 de novembro. A música e a palabra cobrarán vida da man do talento, creatividade e bo facer de 12 grandes artistas de Galicia.
O dúo de zanfonas, Óscar Fernández e Manu Fraguela, abrirán esta I Edición ofrecéndonos “Xemelgas”, unha coidada selección de temas arranxados e interpretados con dúas zanfonas idénticas construídas polo luthier Xaime Rebollo. Música instrumental adaptada e novas composicións inspiradas na tradición galega e europea.
O grande músico e mestre da zanfona Óscar Fernández, e Manu Fraguela, avantaxada alumna que desde 2017 ficou enfeitizada polo instrumento cando apenas contaba nove anos son, ademais, autor e intérpretes da banda sonora da A Sinfonía dos Abrazos, campaña coa que este ano FEGATUR ven amosando o espírito da anfitronía a cantas persoas procuran aloxamentos de turismo rural en Galicia.
A realización desta actividade musical no rural galego é froito de sumar o rico patrimonio arquitectónico, etnográfico e cultural que representan os aloxamentos de turismo rural de Galicia e a xenerosa profesionalidade d@s artistas galeg@s. Artistas que acotío veñen emocionando e enchoupando os corazóns e a memoria das persoas que gustan de vivir intres inesquecibles. Conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
ARTISTAS DESTA I EDICIÓN DE RECITAIS AO SERÁN
Os Recitais continuarán da man de Soledad Felloza, escritora, actriz, dramaturga, contando contos para adultos “Ao Pé do lar”, a cantautora Sofía Espiñeira, flamante finalista dos premios Martín Códax na categoría canción de autora coa súa “Música de raíz”, o polifacético músico e construtor de instrumentos musicais, Pablo Carpintero, que, sempre coa paixón por diante, ofrecerá unha moi amena charla concerto titulada “Música e evolución”, Germán Díaz, un dos revitalizadores da zanfona en Galicia e responsable da súa incorporación á música do noso tempo, convidarános a experimentar a maxia do sublime e inefable co seu concerto “Música para manivelas”.
Tamén haberá espazo para a Música clásica para tod@s ”Xogando a dúas voces” co Dúo ConcertArt que forman Irina Gruia e Ildikó Oltai, extraordinarias violinistas da Real Filharmonía de Galicia. Mercedes Prieto, recoñecida mestra de danza e Sergio Cobos, grande acordeonista e bailador, achegarán danzas populares ao público, dun xeito ledo e sinxelo. Fernando Barroso, outro dos magnos músicos e compositores da nosa terra, ofreceranos en “Concerto”. Charo Pita e Manuel Vilas, insigne narradora e un dos máis recoñecidos arpistas, poñerán o broche de ouro a estes Recitais ao Serán fundindo Narración Oral e Arpa Medieval para emocionar coa obra “De Como O Cabaleiro Roboán Lle Preguntou Ao Emperador Por Que Non Ría”.
Con ilusión, desde a Federación Galega De Turismo Rural, poñemos en pé esta I Edición de Abertas de Par en Par para abrir as nosas casas ao público, convidándoo a vivir seráns máxicos e diversos en cada unha delas e a desfrutar da gastronomía e o patrimonio natural das súas contornas.
Consultar Programa Completo do 24 de setembro ao 13 de novembro
Máis información: Francisco Xabier Almuíña Chorén,
presidente da FEGATUR · Tfno 639639393
GALICIA TURISMO RURAL é unha plataforma de reserva online dirixida a todos aqueles viaxeiros e viaxeiras que teñan interese en coñecer os atractivos turísticos dos distintos xeodestinos de Galicia, aloxándose en establecementos de turismo rural con encanto e integrados na paisaxe natural que os rodea.
Nesta plataforma cada vez participan máis establecementos da rede existente, de xeito que se pode considerar o principal recurso de contratación de turismo rural de Galicia. Fegatur (Federación Galega de Turismo Rural) promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).