A ARTE DA “ANFITRONÍA”

24 Agosto 2022

Francisco Xabier Almuiña Chorén, presidente da FEGATUR, reflexiona sobre o papel que desempeñan os anfitrións, e comeza unha serie de artigos nos que descubrirá cativadores trazos sobre as historias das casas de turismo rural de Galicia.

 

Boa vida:

Aleda comprobar que cada vez máis persoas procurades calidade e diferenciación á hora de escoller aloxamentos de turismo rural en Galicia. Evidentemente, ademais da espléndida e variada mostra de espazos senlleiros, recursos naturais, culturais e turísticos da contorna, tamén inflúe a singularidade amosada polos establecementos rurais galegos. A prezada oferta gastronómica e enolóxica que amosan un significativo abano deles seguro que tamén axuda a decidir. Mesmo a súa proximidade aos Camiños de Santiago que fan moi doado repoñer forzas e descansar cando se peregrina.

Mais, se mo permites, é a acolledora e xenerosa actitude da xente anfitrioa o que a maioría das persoas viaxeiras subliñades acotío.

É evidente que nestes dous últimos anos, a situación vivida ten mudado realidades e proxectos vitais, plantexado novos retos, reclamado novas estratexias e calendarios nas nosas vidas, tanto no seu transcorrer cotián, como no lecer e no traballo. 

Seguro que do antedito tes mostras dabondo ao teu carón.

De igual xeito, a vida segue amosándose tal cal é nos aloxamentos rurais de Galicia, nos que persoas compañeiras, lonxe de renderse, afrontan o día a día con esforzo e anovada esperanza.

Convídote a que te achegues un intre ás súas vidas. Teño para min que é como dar, tras longa andaina baixo o sol, cun asombrado recanto onde, dun pequeno manancial, está a fluír auga fresca. Bebes, refréscaste e logo dun breve repouso prosegues con novos folgos o resto da xornada.

Sirva de admirada homenaxe a todas as persoas anfitrioas a sinxela mostra que delas deseguido irei debullando.

 

O LAR DO MAR

Un remanso de paz e sosego en Carnota.

Era decembro do 2019, cando a Begoña e o Xosé Manuel abriron as portas deste seu soño. Fixérono nun momento no que, segundo quen parecía saber, o horizonte albiscábase diáfano e con boas previsións. Apenas tres meses despois... un 14 de marzo do 2020 pasou o que pasou!

Dous anos e medio despois, emociona comprobar como manteñen acesa a ilusión neste remanso de paz e sosego que con teimuda afouteza construíron aos pes do Pindo e fronte á bravura da mar océana. Grazas ao seu empeño, xente de aquí e de acolá, mesmo chegada de afastadas terras, está a gozar de Galicia. Fano atraídas pola espléndida beldade coa que a natureza nos agasalla, mais tamén coa bondade e xenerosidade que perciben no trato que aquí se lles dispensa.

 

A CASA DA AIRA

Nesta casa grande da aldea de Froxán no Courel, ao pé da lendaria fonte do Milagre e dun castiñeiro do que impresiona tanto o seu porte como a súa forma cada día e durante máis de quince anos, a Susana e o Toño abrían as portas a cantas persoas procuraban o encontro coa natureza , o patrimonio e a cultura, dos que a comunidade que habita nos montes e vales desta serra é usuaria e custodia desde sempre.

Agora, desde o pasado mes de marzo, o Eliseo e a Loli, son quen dan a benvida. Fano tras aceptar a proposta da Susana de tomarlle o relevo.

Tras sopesar se seguir en Barcelona ou virse vivir á aldea e, dado que os seus fillos xa se adiantaran vindo traballar aquí, decidiron aceptar o reto. E iso a pesares de que, desde hai tempo, mouras sombras seguen tentando tinguir de desalento o futuro desta terra.

Na aira, vello escenario de fames e farturas, de mallas, risas e lamentos, bailes, aturuxos e cantigas, de encontros e despedidas, afortunadamente séguese a escoitar a voz, agarimosa e amiga da veciñanza dicindo: Volve pronto, agardámoste!

 

PACIO DO SIL

Nas terras de Valdeorras, por onde transcorre o camiño de inverno atópase esta casa que toma o nome do emblemático río que pasa ao seu carón. Tras os seus muros de lousa, que canda ás edificacións acollen unha horta ecolóxica e o xardín, respírase ambiente de fogar, tranquilo e calmo, mais tamén cheo da positiva enerxía que transmite a xuventude e o coñecemento da Susana, a anfitrioa.

E é que, esta xove enxeñeira, tras recibir o relevo de seus pais, vén conectando con novos públicos grazas ao seu contacto con persoas e ferramentas que as novas tecnoloxías ofrecen, e que resultan fundamentais para imprimirlle azos dinamizadores tanto ao establecemento que rexenta como á comunidade na que vive.

Nestes tempos de incerteza alenta que persoas novas e ben formadas estean dispostas a dar o mellor de si para dinamizar proxectos no rural.

 

O RETIRO DO CONDE

Cando te achegas a desfrutar das terras de Monterrei, Verín ou da próxima vila portuguesa de Chaves, acomódaste nesta casa e saes pasear polo seu xardín, axiña pensas que é o retiro que calquera soñaría. Até xulgas acaído o seu nome… iso si, ficas co arelo de coñecer cal sería o retiro escollido pola condesa!

Desde o primeiro intre nótase que é algo nacido do agarimo da súa propietaria, a Matilde.

Do agarimo… e do seu gusto polas cousas ben feitas! Á labor iniciada por seus pais, o José Luís -fiel reflexo e digno herdeiro, persoa encantadora e ilusionada polo benestar de quen alí se aloxa- súmalle dispoñibilidade e coñecemento, contribuíndo  a que a casa, ademais de zumegar historia nos seus recantos e detalles, sexa do máis entrañable e acolledora.

Inesquecible o almorzo na galería con vistas ao xardín mentres desfrutas duns croissants elaborados pola propia Matilde na súa pastelaría en Verín!

Seguro que serás de quen pensa: Este é un lugar para voltar!

 

EIDO DAS ESTRELAS

Na aldea de Valdín, no concello de A Veiga-Ourense, cada recanto parece falar de eternidade e evocar a inmensidade do universo. Abondará con que che nomee as súas edificacións e lembrar o seu uso, para que concordes en tal afirmación. A antiga reitoral de A Veiga, foi rebautizada como a casiña das estrelas, e a palleira que hoxe, no canto da mol e dourada palla acolle cálidos cuartos, como o Lar da Lúa.

Ademais, o Eduardo, alma máter do Eido das Estrelas, sempre procura que camiñes máis cerca do ceo, por boas sendas e que vivas auténticas e fermosas experiencias da man de persoas expertas da comunidade local. Ao despedirse volve lembrar que calquera época do ano é acaída para achegarse, que sempre haberá xente de fiar para poder seguir coñecendo e gozando da serra e da boa compaña.

 

PAZO DE ALMUIÑA

Neste refuxio cinguido de pedra, natureza e historia que se ergue nas vizosas terras de Arbo, esquecerás o estrés e as presas e desfrutarás co silencio e a harmonía. Así comeza Soraya a experiencia enoturística que acompaña no pazo. Remata lembrando que, abondará con que abras unha das súas xanelas e contemples a paisaxe, deixes voar a túa imaxinación entre as viñas para gozar tranquilamente da vida.

Ademais grazas ás experiencias enoturísticas que ofrecen, resultarache doado mergullarte no saboroso, suxerinte e cativador mundo do viño.

 

CAS DO MESTRE

A Patricia e o Henrique ficaron engaiolados por unha antiga escola rural que, nas montesías terras do concello de A Lama, silenciosa parecía levar anos agardándoos. Creron que, tras ese amor a primeira vista, abondaría con devolverlle a súa beleza e esplendor primeiros para darlle nova vida. Descoñecían que tamén eles ficaran baixo os efectos de tal embruxo, facendo que mudasen para sempre de perspectiva. Así que desde que no ano 2003 abriron Cas do Mestre -rehabilitada con mimo e convertida nun remanso de paz entre bosques e montes que de cerca asexan as Rías Baixas- cando pasan diante dalgunha construción que lles chisca o ollo, sucumben de novo.

Coa escusa de satisfacer os desexos da xente, son quen de lles preparar, decorar e ofrecer un lugar para relaxarse, descansar e deixar atrás o estrés. E todo cun servizo de atención personalizado e de calidade. Din que a súa maior satisfacción seica é que a maioría repiten cada ano. Coma se dun máxico pacto selado entre eles se tratase!

Turismo Rural de Galicia, un turismo moito máis que saudable.

Afortunadamente e como ves de ler, persoas que traballan no sector son exemplo cotián de que o Turismo Rural de Galicia aséntase sobre alicerces firmes e recoñecibles, ateigados de singulares e sobranceiras bondades.

A nosa Terra é destino referente para persoas viaxeiras que, coma ti, tamén no turismo apostades por uns valores, experiencias e propostas claras, atractivas e homoxéneas, con ferramentas, accións e actividades amparadas no que establece o marco normativo vixente.

Só fuxindo dunha oferta inmobiliaria turísticamente abusada, xenérica, diluída e masificada é posible gozar dun turismo rural saudable, sostible, seguro, tranquilo e de calidade.

Por iso, permíteme que che dea os parabéns! Optar polo turismo rural ademais dunha decisión intelixente, é un xeito doado de seguir apostando por Galicia. Son eses apoios os que nos alentan e dan forza para seguir, facéndonos incansábeis na conquista dos corazóns de persoas coma ti.

Os establecementos de turismo rural somos unha opción diferenciadora, sostible e de calidade e conformamos unha privilexiada rede de aloxamentos en lugares emblemáticos de Galicia. Desde a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) promovemos a coordinación, integración e confianza dentro do propio sector e coa oferta complementaria.

A experiencia cotián segue alentándonos na creación e reforzamento de redes colaborativas de calidade, procurando sempre a sostibilidade e a excelencia. Por iso interactuamos con outros axentes da cadea de valor (establecementos de restauración, espazos expositivos, de ocio e museísticos, empresas de transporte, de turismo activo, de guías, asociacións e colectivos vinculados ao Camiño e ao desenvolvemento do rural). Deste xeito agroman sinerxías que permiten integrar novos e suxerentes paquetes e ofertas, dirixidas tanto a público galego como nacional e internacional. 

Reserva xa os teus días de descanso no noso portal.

A web www.galiciaturismorural.es é o xeito máis doado de atopar unha pronta, ampla, rendible e sostible resposta.

Se es a persoa encargada de buscar para o teu grupo, estás no lugar axeitado. Son estes, tempos cargados de ocasións propicias e oportunidades para grupos diversos (seniors, familias, singles, etc.). No turismo rural de Galicia dispoñemos dunha ampla mostra de novidosas e suxerentes experiencias, das que moitas delas poderedes gozalas en diferentes épocas do ano.

Solicítanos información directamente ou achégate á túa axencia de viaxes de confianza para que che faga unha proposta que inclúa estadías en casas rurais de Galicia.