Abertas de Par en Par en Casa de Trillo

O venres, 30 de setembro, achégate á Casa de Trillo, no concello de Muxía. Deleitaraste cos contos para adultos que ao Pé do lar, Soledad Felloza irá debullando.

Soledad Felloza, contos para adultos ao pé do lar

Fotógrafa, escritora, actriz, dramaturga colleitadora de historias, Sole engaiolarate ca emocionada paixón coa que en directo transmite as recollidas da voz da Lola, Juana, Emérita, Palmira, Otilia, Erundina e tantas outras mulleres. Mulleres que de pe fronte á cociña de ferro -altar no que acotío se celebra a vida- van transmitindo memoria, ao par que paseniñamente transmutan os froitos da horta, o monte e o cortello en divinos manxares cos que manteñen a súa benquerida xente. 

Esta polifacética e incansable creadora galega, directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, con sede en Galicia, tamén docente, laureada escritora de literatura infantil, e fotógrafa con especial benquerenza polo patrimonio cultural e gastronómico, ten amosado as súas artes recorrendo escenarios da península ibérica e de máis de medio mundo.

Abertas de Par en Par, unha oportunidade única para sorprender aos que más queres

Galicia turismo rural proponche un saudable agasallo para ti e as persoas que ben queres: vivir seráns máxicos en casas rurais da nosa terra. 

Date un agasallo, sorprende  á túa parella, familia ou amizades cun inesquecible e agarimoso galano.

Como a Casa de Trillo, vintecinco casas rurais agardan por ti, abertas de par en par. Nelas será doado desfrutar, canda a gastronomía e o patrimonio natural e cultural da súa contorna, dos recitáis ao serán.

Soledad Felloza

 A Casa de Trillo está no Lugar de Santa Mariña, concello de Muxía (A CORUÑA).

Fai a túa reserva no teléfono do cartaz.

Volver á oferta completa de recitais.

Recital ao serán en Galicia Turismo Rural