A tempada de Recitais ao serán abrirase nesta I Edición con dúas almas XEMELGAS, concerto do dúo de zanfonas que forman Óscar Fernández e Manu Fraguela, autor e intérpretes da banda sonora da Sinfonía dos abrazos, campaña de spots publicitarios por estacións cos que este ano a Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR ven amosando o espírito da anfitronía a cantas persoas procuran hospedarse nos aloxamentos de turismo rural de Galicia. Podes velos na nosa canle de Youtube.
Os Recitais continuarán con Soledad Felloza contando contos para adultos “Ao Pé do lar”, Sofía Espiñeira, flamante finalista dos premios Martín Códax coa súa “Canción de autora-Música de raíz”, Pablo Carpintero sempre coa paixón por diante ofrecerá unha moi amena charla concerto titulada “Música e evolución”, Germán Díaz, grande entre os grandes,un dos revitalizadores da zanfona en Galicia e responsable da súa incorporación á música do noso tempo convidará a experimentar a maxia do sublime e inefable con “Música para manivelas”.
Tamén haberá espazo para a Música clásica pra tod@s ”Xogando a dúas voces” co Dúo ConcertArt que forman Irina Gruia e Ildikó Oltai, violinistas da Real Filharmonía de Galicia.
Mercedes Prieto e Sergio Cobos achegarán danzas populares ao público, dun xeito ledo e sinxelo. Fernando Barroso en “Concerto”, outro dos magnos músicos e compositores da nosa terra -ferrolán e trotamundos vencellado á música popular galega e portuguesa-, bebe de fontes diversas desde o jazz á música clásica, desde ritmos e sons brasileiros ate os que flúen da cultura persa. Charo Pita e Manuel Vilas poñerán o broche de ouro a estes recitáis ao serán fundindo Narración Oral e arpa medieval para emocionar coa obra “De Como O Cabaleiro Roboán Lle Preguntou Ao Emperador Por Que Non Ría”.
Con ilusión, en nome da Federación Galega De Turismo Rural e a través da súa web www.galiciaturismorural.es preséntoche este saudable obsequio para ti e as persoas que queres.
Date un agasallo!, sorprende á túa parella, familia ou amizades cun inesquecible e agarimoso galano.
Ven vivir seráns máxicos en casas rurais da nosa terra. Vintecinco casas rurais agardan por ti, abertas de par en par. Nelas terás doado desfrutar da gastronomía e o patrimonio natural e cultural da súa contorna e de Recitais ao Serán.