Ver as estrelas en Trevinca

A Veiga (Ourense)
  • Ver as estrelas en Trevinca - foto 1/1

Pena Trevinca é a montaña máis alta de Galicia, con 2.127 metros de altitude. Situada no macizo do mesmo nome, o seu cume marca a liña divisoria entre as provincias de Ourense e Zamora e é un espazo natural protexido por ambas as vertentes. 

O macizo de Trevinca obtivo en 2015 a prestixiosa certificación internacional como destino turístico Starlight, outorgada pola fundación Starligh impulsada polo Instituto Astrofísico de Canarias. Esta certficación identifica os mellores lugares do mundo (que sexan accesibles) para observar as estrelas pola calidade dos seus ceos nocturnos. 

O Concello da Veiga, no que se sitúa Trevinca, ten moi pouca densidade de poboación. Isto, unido á considerable altitude do macizo montañoso e á súa facilidade de acceso, fan de Trevinca un lugar ideal para observar o ceo nocturno en todo o seu esplendor, grazas á práctica ausencia de contaminación lumínica.

Un paseo nocturno a primeira ollada basta para apreciar que este ceo é especial, pois a cantidade de estrelas que podemos distinguir é moito maior do que estamos afeitos. Se nos axudamos duns binoculares ou un telescopio, o espectáculo está asegurado. 

Miradoiros astronómicos en Trevinca

Dous miradoiros astronómicos, O Rañadoiro e As Tablillas foron habilitados con paneis explicativos que che axudarán a situarte no ceo identificando as estrelas de referencia. Tamén existe unha ampla oferta de saídas guiadas de observación astronómica nocturna. Ademais, a maioría das casas de turismo rural da zona contan tamén con telescopios que poñen a disposición dos seus hóspedes, e mesmo organizan saídas nocturnas para observar o ceo nas noites despexadas.

Que vou poder ver no ceo de Trevinca?

A simple vista, o magnífico espectáculo da Vía Láctea, a nosa galaxia vista de perfil que cruza todo o ceo nocturno. Poderás observar estrelas de polo menos un orde de magnitude máis que noutros lugares. Se te armas duns binoculares ou un telescopio sinxelo (eso sí, ámbolos dous mellor cun trípode) poderás ver dende a nosa veciña galaxia de Andrómeda a outras moitas galaxias e cúmulos estelares. Por suposto, os planetas do Sistema Solar que estén en no ceo nesa época descubriranche moitos dos seus segredos: dende distinguir os aneis de Saturno a observar as lúas de Xúpiter, pasando por alguns detalles de Marte, que se mostrará cuna intensa cor vermella.

Trevinca tamén é un lugar privilexiado para observar as choivas de estrelas fugaces que suceden en distintas épocas ao longo do ano.

 

Localización

Que ver