UNHA XANELA, UN PAXARO E UNHA ESTRELA

02 Agosto 2022

                                                     

PARA O TURISMO RURAL DE GALICIA

 

 

Boa vida!

 

TURISMO RURAL DE GALICIA

Os aloxamentos de turismo rural de Galicia dámosche a benvida e convidámoste a vivir onda nós noites engaliciadoras, nas que a bóveda celeste semella zumegar ronseis e vagalumes.

Como ben sabes, o turismo rural de Galicia é unha proposta de brazos abertos de par en par, de latexos de vida, experiencias e emocións.

Unha xanela desde a que asomarnos ao universal e ao doméstico, ao patrimonio e aos sentidos. Un espazo que convida a ollar desde fora cara ao interior, mais tamén desde o que cadaquén é en relación coa natureza que nos acolle e dá vida.

Todo eso e máis vai entreverado de xeito implícito nas numerosas, singulares, poderosas e sobranceiras bondades do turismo rural.

 

  TURISMO RURAL DE GALICIA - NOVA IMAXE

 

 

 

Grazas ao apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da man de excelentes profesionais, desde hai meses vimos traballando con ilusión na procura da imaxe anovada do turismo rural galego. Buscabamos algo que transmitise de xeito doado os valores, a calidade e profesionalidade, que resultase atraínte para persoas coma ti que procurades unha opción de aloxamento sostible e diferenciadora para a vosa estadía en Galicia.

Sendo conscientes da diversidade que cada un dos aloxamentos de turismo rural ofrece, pois cada casa ten a súa historia, cremos que a imaxe dunha xanela na que un paxariño, un pequeno ser vivo ledo e cantareiro que logo de contemplar o seu entorno e as estrelas,  se dispón a iniciar un novo voo na procura de máis vida, simboliza, recolle e amosa dun xeito acaído a esencia do turismo rural de Galicia:

A xanela como metáfora das nosas casas, a ave como símbolo de todos os seres vivos que habitamos esta terra, e a estrela, cal reflexo  que guía, identifica e permanece na memoria.

A proposta susténtase nos valores, mensaxes, visións e servizos que tanto nós, as persoas anfitrioas, como as persoas viaxeiras e turistas  que aquí vos achegades, tentamos acadar. Mesmo parece resoar, mentras se contempla, o eco da sinfonia dos abrazos e das mensaxes coas que en www.galiciaturismorural.es estreamos este ano 2022.

 

Bágoas de San Lourenzo

 

Nesta terra, afortunadamente, aínda son moitos os lugares nos que tanto a veciñanza como as persoas que vindes disfrutar do lecer e do voso merecido descanso, e ás que soñades con vir, podemos gozar de noites máxicas contemplando a choiva de estrelas, -tamén coñecidas como bágoas de san Lourenzo ou  Perseidas- que acadarán o seu máximo esplendor entre o 10 e o 13 de agosto.

Xa achegándonos a esa data de máximo aloumiño das estrelas, e ca ledicia que da compartir proxectos que procuran outras rotas, estreamos hoxe a nova imaxe corporativa da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR).

 

 

GALICIATURISMORURAL.ES

 

Se fuxes dunha oferta xenérica, diluída e atomizada en https://galiciaturismorural.es/gl/ atoparás aloxamentos rurais con valores, experiencias e propostas claras, atractivas e homoxéneas.

Cando aprezas, escolles e difundes a ampla, diferenciada e variada oferta, contribúes ao desenvolvemento sostible e a gozar dun xeito intelixente do turismo rural galego de calidade.

Para facer posible que persoas viaxeiras coma ti dispoñades dunha doada e sinxela forma de selección e reserva de casas rurais en Galicia, seguiremos desenvolvendo estratexias de comunicación e posicionamento, algo ao que, ben seguro, ha contribuir esta nova imaxe de marca.

 

GALICIA TURISMO RURAL – ABRINDO XANELAS

Asemade, seguimos promovendo a coordinación, a integración e a confianza dentro do propio sector e coa oferta complementaria e interactuando con outros axentes da cadea de valor (establecementos de restauración, espazos expositivos, de ocio e museísticos, empresas de transporte, de turismo activo, de guías, asociacións e colectivos vinculados ao desenvolvemento do rural e aos Camiños). Deste xeito vanse abrindo novas xanelas desde as que voar na procura tal vez de noites máxicas, tal vez dunha estrela que nos guíe por sendas de paz e ben.