Galicia Turismo Rural celebra o día mundial dos abrazos cunha presentación moi especial

21 Xaneiro 2022

É en cada casa e fogar onde primeiro nos acollen e onde recibimos mimos e tenruras, xestos que reconfortan e transmiten calidez e agarimo.

A nosa diaria peregrinación pola vida é unha viaxe continua por camiños que nos levan e nos traen, para aprender, traballar, celebrar e gozar de lugares, creacións, amizades e amores. Neles e a carón deles constrúense rutas e rutinas, encontros e despedidas.

É entre casas e camiños onde cada día nace e renace este humano transcorrer da vida, tamén  o das persoas que temos a sorte de acollerte nos establecementos de turismo rural de Galicia.

Cando veñas, déixate levar polos sete sentidos. Como sete?

Trae os de sempre.

Esa ollada limpa e curiosa coa que nenas e nenos observan e descobren todo canto as  rodea.

Orellas ben abertas dispostas a escoitar historias máxicas, a “pillar acento” e a gozar do murmurio da auga e do vento, do ritmo das ondas, das risas e das voces da xente e do silencio.

Grazas a el volverás a percibir como  latexa, prácido e tranquilo, o teu corazón.

Trae a memoria do teu padal coas texturas e sabores naturais e entrañables que soñas con volver probar.

Vista, oído, gusto... olfacto:

Actívao para percibir aromas que engaiolan e deleitan; para intuír o que realmente necesitas ti e os teus seres queridos para que o teu descanso, as túas vacacións sexan ledas e inesquecibles.

E por suposto o tacto. Toca, aloumiña, vive a experiencia de amasar, plantar, muxir ou colleitar coas túas propias mans.

A estes cinco sentidos só hai que engadir unha presiña xenerosa de sementes de “sentidiño”.

O sentido común que cómpre para coidar a terra para coidarnos e coidarte ... e por suposto unhas pingas do máis simpático dos sentidos, o que pinta sorrisos, incluso baixo as máscaras, e que nos fai rir: o sentido do humor.

 

Constantemente estamos a lembrar que estamos nun momento de incerteza, de caos, de medo, de reconfiguración e reaxuste.

Mesmo é evidente que cada vez son máis as persoas que sofren de intoxicación por cortisol, a hormona do estrés, unha das máis de 65 hormonas que produce o noso organismo.

Como o resto, esta mensaxeira química chega a órganos e tecidos, influíndo e modificando o seu funcionamento.

Así que se comezas a notar que te angustias, que che costa respirar, se hiperventilas, tes taquicardias, algo che impide pensar ou relaxarte... É hora de parar, de mirarte e mirar ás persoas que queres aos ollos e dicirlles escóitote sen xulgarte, desconecto e deixo de lado o móbil, estou ao teu lado, emociónome co que fas ou me contas.

Adiquémonos un tempo, porque merecemos un respiro.

As persoas precisamos revitalizarnos, osixenarnos, camiñar por bosques e entre leiras e viñedos, por areais e cantís, por vales e montañas.

 

É a hora de Galicia, é a hora de que veñas ao turismo rural.

Do mesmo xeito que o cortisol ou a adrenalina inflúen na nosa resposta ao estrés, outras hormonas como a oxitocina, a serotonina ou a melatonina fano en sentido contrario.

Dirasme que a oxitocina é fundamental no parto e na lactación. Así é. Pero tamén é importante para os ritmos circadianos.

É relaxante e é coñecida como a hormona dos vínculos ou da empatía.

Ten en conta que o cortisol tarda seis horas en baixar. Pero se se estimula a liberación de oxitocina, o cortisol descende rapidamente.

 

Como facelo?

Se a hormona da oxitocina é a hormona da empatía, dos vínculos, dos abrazos, a resposta é sinxela.

Abonda con abrazos de oito segundos para baixar rapidamente os niveis de cortisol!

Xa ves, é hora de que planifiques a túa próxima estancia en establecementos de turismo rural de Galicia.

Comprenderás pois, que as persoas que temos a sorte de recibirvos nos establecementos de turismo rural de Galicia só se nos ocorra ofrecervos con emoción unha pequena sinfonía de abrazos, para lembrarvos que vos estamos agardando cos brazos abertos.

Condecorazóns: Sabes cal é o lema de FITUR este ano?

Abrazamos o mundo! Sabes que hoxe, 21 de xaneiro, é o día mundial dos abrazos?

FEGATUR quere sumarse ofrecendo condecorazóns.

Estamos seguros de que a  levarás con orgullo e que compartirás a nosa proposta con todas as persoas que ben queres. Grazas,  Paz e ben.

 

NOTA: Para celebrar o día mundial dos abrazos, dende a FEGATUR imos compartir coa persoa agraciada cinco apertiñas, a nosa mascota, para que agasalles ás persoas queridas.

Cómo ser a persoa agraciada? Moi sinxelo!

Síguenos no instagram e/ou facebook de Galicia Turismo Rural

Comparte en stories o vídeo "Galicia Turismo Rural | A sinfonía dos abrazos" e etiquétanos (@galiciaturismorural)