UN OUTONO DE CARBALLO!

07 Setembro 2022

Pois si. Xa chegou, xa está aquí de novo o Outono Gastronómico. Un convite a desfrutar de espazos e recantos únicos en casas rurais de Galicia. Unha experiencia única que che permite gozar -canda as persoas que ben queres- de aromas, sabores e texturas e a enchouparte da natureza e da paisaxe  da nosa terra, dun xeito calmo e ledo. Pura vivencia compartida!.

 

Algo que só podes  vivir en aloxamentos de turismo rural de Galicia.

Se mo permites direiche que é… un outono de carballo!  Si, si si, liches ben, un outono de car  ba  llo!

Porque tamén grazas a esta árbore tan senlleira na nosa terra, neste outono do 2022 en Galicia has poder…

…seguir paseando por fragas, devesas e carballeiras, respirando saúde gozando con todos os sentidos.

…gozar da conversa amiga, franca e leda ao pé dunha lareira ou dunha cheminea que conforta,  embruxa e aquece.

…degustar exquisitos menús que, con mimo, mans expertas preparan en fornos e cociñas de leña nos aloxamentos rurais de Galicia.

Un outono de carballo, en fin, onde as persoas poidamos contribuír a resementar de paz e futuro a terra na que vivimos.

Porque mereces un respiro, ven desfrutar do Outono Gastronómico do Turismo Rural de Galicia, dun xeito saudable, sinxelo e sostible.

Na seguinte ligazón tes todos os detalles de ofertas e prezos.

https://www.turismo.gal/que-facer/promocions-para-gozar-agora/outono-gastronomico?langId=es_ES#outonoPlusSeparator

Presentación do Outono Gastronómico 2022.

Onte, ás 12 horas, tivo lugar a presentación oficial do Outono Gastronómico 2022 en Aldea Bordóns, concello de Sanxenxo. Esta Edición número 16 foi anunciada por Nava Castro, directora da entidade patrocinadora do Outono Gastronómico, Turismo de Galicia. Ao acto asistiu o presidente da FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural), Francisco Xabier Almuíña Chorén.

 

Setenta e tres casas rurais ofrecerán, entre o 16 de setembro e o 18 de decembro, dous menús diferentes deseñados especificamente para o Outono Gastronómico que incluirán na súa composición produtos galegos con certificación de calidade. Dos 73 establecementos participantes, 22 atópanse na provincia de Coruña, 19 en Lugo, 17 en Ourense e 15 en Pontevedra. Esta campaña pretende fundamentalmente dinamizar o turismo no eido rural, desenvolvendo a súa oferta complementaria e favorecendo a desestacionalización. Ademais, poderán adquirirse paquetes que combinen estancia, degustación gastronómica e actividades complementarias.

O Outono Gastronómico en Turismo Rural é unha promoción creada no ano 2007 pola Área de Produto de Turismo de Galicia en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, que combina a gastronomía e a estadía nas casas rurais galegas a prezos moi competitivos.