Galicia Turismo Rural. A Sinfonía dos Abrazos Outono

26 Setembro 2022

OUTONO NOS BOSQUES DE GALICIA:

TURISMO RURAL SAUDABLE, PLENO DE CORES, SONS, SABORES, AROMAS E TEXTURAS

Xa está aquí o outono! Se mo permites, sento onda ti a debullar razóns para que veñas pasear por fragas, devesas, soutos e carballeiras -bosques de Galicia que nesta época do ano comezan a acenderse coas máis espectaculares cores. Unha oportunidade para gozar tranquilamente dos sons do ar e do silencio en espazos de calma a carón dunha casa rural de Galicia.

Como a choiva que mainiña vai esponxando e revitalizando a terra, preparándoa para que ofreza unha xenerosa acollida e anticipo de abondosa colleita -a estadía nunha casa de turismo rural contribuirá a que deixes voar a mente, a rebaixar o estrés- desconectándote de  abafantes ritmos que o día a día  vai impoñendo- para recargarte de novas enerxías e soños.

Mentres camiñas sobre alfombradas sendas de follas secas, has escoitar a música do vento, o murmurio de mananciais ou correntes de auga, o latexo do teu corazón e mesmo o ritmo das túas pegadas. Percibirás a fresca e mol textura do musgo que tapiza troncos, penedos e valados, saborearás castañas e noces, peras, figos ou mazás que en tentadora e xenerosa ofrenda, ben seguro, brindaránseche cando pasees ao seu carón.

O outono nos bosques de Galicia é a estación propicia onde pararse e respirar paz, sentir a enerxía vital que nos rodea e tomar un auténtico baño de bosque e natureza. É mergullarse nunha emocionante sinfonía dos  abrazos.

Abondará con que abras todos os sentidos e te deixes levar!