FEGATUR. ENTREVISTA A XEMELGAS

19 Decembro 2022

“REINTERPRETAMOS AS MÚSICAS POPULARES AO NOSO XEITO”

 

Óscar Ferrnández e Manu Fraguela

 

-Ola! somos Xemelgas, este é Óscar Fernández, eu son a súa xemelga, Manu Fraguela. Xa sei que fisicamente non temos moito parecido, as verdadeiras xemelgas son estas zanfonas que nos fixo un artesán de Bueu, Jaime Rebollo, especialmente para tocar xuntas...

Con esta procacidade presentaba este Dúo a prodixiosa zanfonista Manu Fraguela, no acto de inauguración da xa clausurada I Edición de Abertas de Par en Par: ciclo de recitais ao serán que levou a música e a palabra ao campo galego, a través de vinte e cinco casas de turismo rural repartidas polas catro provincias do país.

Catro décadas separan no tempo a estes artistas de Ferrolterra: Óscar, de San Sadurniño e Manu, de Narón. Mestre e alumna, alumna e mestre, coñecéronse sen máis intermediarios ca escola de zanfonas do Padroado de Cultura de Narón, no ano 2017. Ela dedicouse a aprender del, e el renovou ilusión ensinándoa a ela. Caéronse ben e puxéronse a tocar xuntos. O Dúo foise creando cada día, sen forzar o proceso, sen moita planificación nin ambición: desde animar reunións até tocar en festivais públicos, fano porque lles gusta, non hai máis misterio. O nome de Xemelgas foi cousa da nai da talentosa moza que, segundo ela, é bastante ocorrente.

O avezado mentor, de conversa repousada e tolerante, paciente e xeneroso, ademais de excelso zanfonista, é un experimentado intérprete de varios instrumentos, que foi membro de míticos grupos do folk galego, tamén compositor, premiado artista e toda unha referencia no panorama da música popular. A avantaxada discípula, anque na distancia curta entre adultos, como ela di, non é faladora, no escenario, dos quince anos só ten a voz, pois, encanto abraza a zanfona no colo, entra nunha dimensión que non é deste mundo: flúelle a palabra como as mans, dixitando un discurso intelixente, maduro, delicado, cheo de retranca e frescura.

Óscar Fernández e Manu Fraguela son, así mesmo, autor e intérpretes da banda sonora da Sinfonía dos Abrazos, campaña de anuncios publicitarios, por estacións, coa que este ano a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) veu mostrando o espírito da anfitronía a cantas persoas buscaron hospedarse nos aloxamentos de turismo rural de Galicia.

Desde a FEGATUR conversamos con esta atípica parella musical xemelga, Óscar, sabio e entregado intérprete e mestre de zanfona, e Manu, apaixonada e enxeñosa zanfonista precoz. Queremos saber un chisquiño máis destas homónimas almas creadoras que consideran o proxecto de Abertas de Par en Par, idóneo para que o público poida desfrutar da proximidade d@s intérpretes e do son real dos instrumentos.

Óscar, Manu, San Sadurniño e Narón cantan?

-Óscar: Como en tódalas sociedades hai unha xente mais cantareira ca outra, pero, tanto na familia da miña nai coma na do meu pai, cantaban moito, e na da miña nai tocaban a guitarra e a harmónica. Disque, o meu avó tentou de tocar o violín un tempo, mentres estivo en Cuba. Lembro música en tódalas sobremesas das reunións familiares, en todas. Músicas populares de Galicia e Sur América, o que se escoitaba nos anos 70 da anterior centuria.

-Manu: Cantan! Na miña casa sempre se cantou e se tocou. En calquera ocasión, aniversarios, Nadal, coas amigas... sempre facemos festa! Incluso a diario cantamos e tocamos.

E, canto cantan ou tocan San Sadurniño ou Narón nas vosas vidas?

-Óscar: Os primeiros 16 anos da miña vida cambiei moitas veces de domicilio, San Sadurniño, Xenebra (Suíza), A Barqueira... a música levabámola con nós a tódolos lados nun radiocasete. Neses tempos  xa eran campións os repertorios das orquestras, podo dicir que me chamaban moito a atención os gaiteiros que amenizaban as mañás das festas e algunha banda que teñen traído á festa de San Sadurniño.

-Manu: Moito! Vou á escola de zanfona do concello, aquí é onde estou aprendendo a tocar e a cantar.

De quen vides sendo, entón, en San Sadurniño e en Narón?

-Óscar: Eu son Óscar, de Ángeles de Piñón -segundo apelido do meu bisavó-, ou o fillo de Pepe da Casanova.

-Manu: Sempre aborrecín esta pregunta, non sei a resposta, teño pais, unha irmá, avós, familia, amigos, compañeiros... dalgunha maneira estou unida a todos eles polo cariño, pero realmente non son de ninguén.

Que quería ser Óscar de maior, cando era rapaz?

-Astronauta, por suposto.

Que quere ser Manu de maior?

-Pois non quero ser nada en concreto. Teño ganas de facer un montón de cousas, algunhas relacionadas coa música, con Óscar, con Xemelgas, pero tamén hai outros temas que me gustan: a ciencia, o baile, pintar... Agardo poder desfrutar a vida facendo moitas cousas e imaxino que cada etapa será diferente. Polo momento, son nova de máis para pensar niso, con ser Manu teño suficiente.

Cales son as vosas raíces musicais?

-Óscar: Toda a música que soaba na radio e na TV nos 70 e xa nos 80 do século pasado. Despois, escoitei moita música folk e tradicional galega, francesa, portuguesa e británica, de gravacións que conseguía en discos ou casetes. O rock progresivo dos 70 sempre me interesou, Jethro Tull, Mike Oldfield, Alan Parsons, pero escoitei de todo: jazz, clásica, recollas étnicas africanas e europeas...

-Manu: Meu pai é un rockeiro medio folkie e miña nai é impredicíbel coa música, tanto se emociona cunha canción de Rozalén coma cunha peza de flamenco, ou unha panxoliña de Nadal. É por iso que escoito música de todo tipo. Dende pequena aprendo folclore no Grupo Etnográfico das Mariñas, asisto á escola de zanfona, canto no coro do instituto... e así vou aprendendo de aquí e de alá, de momento non teño unhas raíces moi longas... Di miña nai que as raíces atan moito e non deixan voar, que é mellor telas pequeniñas.

De onde vos veu a paixón pola zanfona?

-Óscar: Deixáronme unha aló por 1998 e pareceume fascinante. Ao pouco, xa tiven a miña propia.

-Manu: Todos os anos imos a ver as actuacións de fin de curso das escolas tradicionais do Padroado de Cultura de Narón. Cando tiña nove anos, nun deses festivais, vin a María Rodríguez cantando a Cega de Ouselle coa zanfona. Gustoume tanto que ao saír, miña nai e máis eu, decidimos apuntarnos ás clases con Óscar, e ata hoxe. Desfruto moito tocando a zanfona.

Quen descubriu a quen de volos dous?

-Óscar: Pois sen dúbida foi mutuo. Manu matriculouse no 2017 nas escolas do Padroado de Cultura de Narón e, dende as primeiras aulas, xa foi sorprendente a paixón que lle botou e o talento que demostrou.

-Manu: Pois non sei... creo que xa estabamos descubertos, caémonos ben e gústanos tocar xuntos.

Que lle aporta o mestre á alumna e a alumna ao mestre?

-Óscar: Eu podo dicir que a alumna é un espello no que vés os teus acertos e carencias, e axuda moitísimo a mellorar. Tamén é unha renovación da ilusión que un tivo nos comezos, ao ver como Manu vai descubrindo músicas e formas de expresión que ti dabas por coñecidas pero que aparecen nunha nova versión cando ela as fai súas.

-Manu: Óscar apórtame todo, el é quen me ensina todo, con el aprendín dende ler partituras ata cada adorno que fago coa zanfona. El está pendente de que eu aprenda e eu déixome levar porque confío nel e nas cousas que fai. É marabilloso.

Óscar, dinos unha peza musical interpretada á zanfona na que vexas a personalidade de Manu.

-Diría moitas, pero, por exemplo, a versión da Mazurca "Principessa" de Mauricio Martinotti que fai Gilles Chabenat, impresióname cando lla escoito tocar.

Manu, dinos ti unha na que vexas reflectido a Óscar.

-Para min Óscar é Muiñeiras da Noite, compúxoa el e creo que o identifica como músico, leva o seu selo de calidade. Para min é unha obra mestra. Cando a escoito penso: esta canción é Óscar.

De quen foi a ocorrencia de crear Xemelgas e con que intención?

 

 

-Óscar: Realmente foi saíndo sen moita planificación, fomos creando un repertorio que nos gustaba aos dous e, de facer un concertiño na casa da miña nai e animar algunha reunión ou presentación, xurdiu a idea de gravar uns temas e regalar a gravación á xente próxima do mundo da zanfona e a familiares. Tivemos que poñer un nome á formación, e, de aí a que nos invitaran a tocar nalgún festival, xa foi rodado.

-Manu: Xemelgas foise creando cada día, fomos preparando repertorio e facendo cousas sen ningunha ambición. Tocamos porque nos gusta e algunha vez facémolo con público, non hai máis misterio. O nome Xemelgas foi cousa de miña nai, é bastante ocorrente.

Óscar, Manu, cal é o segredo para que unha moza de quince anos poida executar concertos a dúo cun mestre consagrado?

-Óscar: É sinxelo, botarlle moita ilusión, tocar pezas bonitas que nos gusten aos dous e non forzar o proceso.

-Manu: O segredo está en escoller os temas que nos molan e ensaiar para o concerto. Eu dedícome a aprender e el a ensinarme. Realmente non son cousas premeditadas, vémonos a miúdo e quedamos para tocar. O resto ven despois.

Cadaquén á súa maneira, reflexa timidez, Manu a que máis, que ten a zanfona que cando a abrazades no colo vos transporta e faivos perder a vergoña?

-Óscar: Pois non sei que responder, non é fácil de explicar sen caer en tópicos e non quixera.

-Manu: Teño entendido que a timidez incapacita ás persoas a facer determinadas cousas da vida. Eu nunca me sentín incapacitada. O que é certo é que falo pouco cando estou entre adultos. Eu non son adulta e algunhas veces non sei que dicir e como levar unha conversa. Quen sabe se cando medre serei máis faladora!

A quen lle interesa máis a vosa música, aos novos ou aos non tan novos?

 

 

-Óscar: Creo que sen ser un produto de moda pode interesar a calquera, sobre todo se a escoitan interpretar en directo. Non é exactamente a "nosa música" exceptuando algunhas composicións de Óscar, máis ben é música popular reinterpretada ao noso xeito, iso faina orixinal e sincera. Quen escoita o noso directo nótao e aí está a mensaxe. Estamos tocando con interese e paixón. É unha exposición da historia das culturas e xentes que foron facendo as músicas e o noso xeito de entendelas.

-Manu: Non facemos música de moda, só a música que nos gusta, encaixamos coa xente que ten gustos afíns aos nosos, novos e vellos, que máis da!

Como Dúo, cal foi o auditorio máis entregado que lembrades?

-Óscar: Non sabería dicir, nunca sentín indiferenza en ningún concerto.

-Manu: O auditorio máis entregado, e onde sentín máis amor, foi un concerto que fixemos para a nai de Óscar e a súa familia, na súa casa. Ángeles estaba encantada de ternos.

Pódese vivir de tocar a zanfona?

-Óscar: Supoño que si. Eu combino a docencia con algúns concertos, e non demasiados. Pero non vexo que sexa fácil só traballar como músico de directo.

-Manu: Eu vivo feliz tocando a zanfona! Se te refires aos cartos, nin idea, teño o prato na mesa cando chego do instituto. Non é algo no que deba pensar de momento.

Como vedes, entón, o panorama musical en Galicia?

-Óscar: Moi variado, tes, dende xente que só escoita música de gaitas a diario, a outra que só escoita música de orquestras... supoño que, como en todo o mundo globalizado, as persoas aman as músicas de moda e as músicas que as acompañaron na xuventude. En Galicia hai unha querenza especial polas músicas populares doutras épocas, tanto actualizadas coma na súa faceta máis purista. Pero non é algo exclusivo de Galicia, pasa en moitos lugares do mundo, é unha expresión da identidade dos pobos.

-Manu: Moi animado! Saen grupos de todas partes, algúns mellores ca outros, pero todos marabillosos.

A quen seguides nese panorama?

-Óscar: A todos e a ningún. Interésome tanto polo que fai o grupo máis famoso coma pola formación máis humilde, todos aportan algo. Non son moi mitómano, xa fun máis.

-Manu: Do mundo da zanfona, gústame moito Efrén López, anque tamén sigo de cerca a Xisco, Tanxugueiras, Caldo, Rosalía... pero o meu grande admirado é Óscar Fernández, tanto en Cempés como Bonovo, con Carlos Quintá... sempre me gusta o que fai.

Que vos parece este humilde proxecto de Abertas de Par en Par que pretende levar a música e a palabra en directo ao rural galego?

-Óscar: Moi bonita iniciativa, valoro moitísimo os concertos de pequeno formato. Noutros tempos toquei máis con grandes audiencias, e a verdade é que prefiro as pequenas. Espero que sirva de precedente e que se faga máis veces. O público pode así desfrutar da proximidade dos músicos e o son real dos instrumentos, sen distraccións como as luces e os volumes esaxerados.

-Manu: Unha chulada! Tocar neste formato de concertos pequeniños, nas casas, é emocionante. Estás moi preto da xente e sentes o que están pensando, é marabilloso observalos e dedicarlles cada momento do concerto.

Por casualidade, sodes hóspedes habituais do turismo rural?

-Óscar: Non, non acostumo a viaxar moito.

-Manu: Si, na miña casa sempre é a primeira opción cando imos de viaxe.

Aquelo que máis valorades das casas de turismo rural onde actuastes, é...?

-Óscar: A atención personalizada e a tranquilidade que ofrecen as estancias.

-Manu: O contacto coa natureza, as lareiras, o cheiro a aldea, o trato que recibimos, a comida... todo é bo no turismo rural.

No día a día das vosas vidas, que é o que vos fai erguer cada maña?

 

 

-Óscar: Pode que haxa moitas respostas para esa pregunta, a supervivencia, a curiosidade polo que traerá un día novo, o que esperan de ti os mais achegados, ou simplemente a adicción ao café.

-Manu: Pola semana é miña nai pedindo que me levante, nunca me gustou ir á escola, dáme nugalla e érgome sen moitas pretensións. Nas vacacións e fins de semana, no primeiro que penso, cando esperto, é en fritir dous ovos con xamón... e despois, xa veremos como continuar ese marabilloso día!

E, neste mundo tan convulso que estamos a vivir actualmente, para que pode servir a música?

-Óscar: Supoño que depende de cada un, para un publicista pode que sexa só unha ferramenta, para min, sempre foi un xeito potentísimo para viaxar mentalmente e un modo de comunicación á marxe das palabras.

-Manu: A música é todo, é unha maneira de canalizar as emocións, de desconectar do mundo ruín e vivir o teu propio mundo. É o mellor de cada día.

Que así sexa, Óscar e Manu!

Moitas grazas por compartir os vosos sentires connosco!