Que unha casa teña por nome O Canto da Terra é razón dabondo para que no horizonte se esparexan diferentes sendas polas que o teu maxín podería transitar na procura dunha solución verdadeira. Claro que se che din que este aloxamento se asenta no lugar de Follés no concello de Pantón na Ribeira Sacra, e que toda ela respira harmonía e paz, ou que por veces o único son que se escoita é o do silencio ou o do rebulir dos paxaros, igual xa vas descartando unhas e achegándote á que é.
Construída en pedra e madeira, Luisa dirixiu con sabedoría a súa rehabilitación conforme a unha arquitectura ecolóxica e de confort. Mesmo a calefacción é por xeotermia!
E que pintará unha Torre Lombarda en pleno Allariz? Pois antes de disparar, xa che digo eu que quen mellor cho ha explicar é Mónica, a anfitrioa desde hai máis de vinte anos desta fermosa pousada. Paixón e bo facer son armas coas que defende e reivindica este histórico edificio. E faino mesmo sen deixar de atender as plantas que adornan os arredores, nin quitarlle ollo ao xarrete estufado con mencía que este outono alí poderás degustar.
GALICIA TURISMO RURAL é unha plataforma de reserva online dirixida a todos aqueles viaxeiros e viaxeiras que teñan interese en coñecer os atractivos turísticos dos distintos xeodestinos de Galicia, aloxándose en establecementos de turismo rural con encanto e integrados na paisaxe natural que os rodea.
Nesta plataforma cada vez participan máis establecementos da rede existente, de xeito que se pode considerar o principal recurso de contratación de turismo rural de Galicia. Fegatur (Federación Galega de Turismo Rural) promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia).