De árbores, casas e abrazos. Capítulo I – Na Ribeira Sacra

29 Xaneiro 2022

Neste mundo globalizado no que xa máis dun 90% das persoas habitan en espazos urbanos, tecnolóxicos e industriais, a natureza é concibida por moitas delas como lugares, parques ou xardíns unicamente para o lecer. Mesmo as árbores son tidas en conta só como elementos ornamentais ou meras xeradoras de osíxeno. Afortunadamente, día a día, en máis persoas se está a reinstaurar e medrar unha conciencia ecolóxica. Cada vez é máis evidente a necesidade de buscar, de reencontrarse con espazos naturais que osixenen corpo, mente e espírito.

 

 

Vivir, ou cando menos pasear e desfrutar de xeito habitual dun tempo en espazos con árbores contribúe de xeito notorio á saúde e lonxevidade. Abonda con observar a persoas que viven en territorios con maior densidade de árbores.

En Galicia temos millóns de árbores. Para abrazar un só deles na maioría dos casos fan falla cando menos dúas persoas.

 

É o momento de Galicia, É a hora de que te veñas de turismo rural.

 

Se repasas no teu maxín, seguro que gardas vivencias e imaxes de paseos por bidueirais, devesas, soutos, carballeiras ou piñeirais, erbedeiros e fragas, bosques de ribeira, plantacións de oliveiras, de cerdeiras ou pomares.

Se pensas nas árbores, ademais de lembrar o seu uso madeireiro e enerxético, artesanal e para a construción farás ben en sumar o ben que acotío nos regalan as árbores froiteiras.

 

Sabías que Galicia é o reservorio mundial que conserva máis de 50 variedades de castiñeiros, adaptados cada un ás diferentes condicións climáticas, de orientación, dos terreos, da produción e uso?. E que o mesmo ocorre coas maceiras, das que contamos con variedades case únicas e que son de difícil cultivo e colleita en outras zonas de Europa?

 

Noces, piñóns, cereixas, figos e brevas, érbedos, peras e peros, ameixas e pexegos, pavías, laranxas e limóns … Xa ves, as árbores froiteiras constitúen outro fantástico patrimonio biolóxico e frutícola que atesoura aromas, sabores e texturas que incriblemente estamos a nos privar do seu económico, saudable e saboroso desfrute.

 

A imprescindible vitalidade das árbores é a que nos permite respirar como seres vivos. Dende que nos conciben ate o derradeiro adeus elas sempre están ao noso carón.

 

 

A súa madeira faise berce, cama, cadeira, mesa, prato, culler e cunca. Ferrado e quenlla, arca para gardar o pan e artesa onde amasalo. Cesto e cuba, escada e mazo, mango, caxato e vara. Porta, fiestra, portelo e canizo. Arado, carro e cabazo, batuxo, barca e dorna, travesa e viga. Elas resoan en zanfonas e gaitas, petan en pandeiretas, peitoques e tarrañolas. Para achegarnos ao divino esculpimos o seu cerne e transformámolo en imaxes e aras arredor das cales presentamos ofrendas e sacrificios e celebramos a vida e a morte. Mesmo entre ela nos han deitar e levar cando chegue a definitiva hora de voltar á terra.

 

Ti ben sabes que as árbores tamén son lugar de xogo e de furtivas colleitas. Sombra para o amor e o descanso, acubillo de trasnos e tesouros.

Porque se hai algo onde elas medran, é moita maxia!

 

Se es das persoas viaxeiras que buscan descubrir e percorrer rotas baixo o acubillo das árbores paseando por lugares de lenda e bosques encantados, seguro que te han atraer algunhas das suxestións que deseguido van.

 

 

Ademais de agardarte cos brazos abertos nos seus aloxamentos de turismo rural, desde eles promoven espazos de benestar para estar ben, rutas e camiñadas de relaxación e reencontro na natureza. Así, ademais dos moitos beneficios para as persoa, contribúen á estima e coidado dos espazos onde medran benqueridas e fantásticas árbores.

 

No concello de Montederramo é doado achegarse ao Caserío da Castiñeira, onde Manuel Rolán ven promovendo unha gran variedade de roteiros para descubrir os bosques e ribeiras do Sil.

 

En Parada do Sil na Reitoral de Chandrexa co Xurxo López poderás achegarte ao maxestuoso castiñeiro milenario de Entrambosríos ou vivir a experiencia dun baño de bosque. E polas terras de Taboada déixate levar polo paseo das ben amadas canda ao Francisco da Casa do Romualdo en Vilela.

 

Se te aloxas en casas de turismo rural da Ribeira Sacra ou da Ulloa, tes propostas novidosas de actividades como as que ofrece o Anxo Moure, contador de historias, educador pola paz, a vida e a natureza. Onda el, nenas e nenos, mozos e vellos fan realidade  o soño de gozar de experiencias únicas que hoxe semellan difíciles de vivir e revivir.

 

Prestaríache subir a unha casiña no alto dunha árbore?, navegar polo Miño a bordo dunha barca de paso en Belesar?, queres desfrutar da maxia da 7ª arte no Cinema Palleiriso logo de visitar o pequeno bosque que hai anos plantou alí e no que medran máis de 32 especies autóctonas?; Ou prefires perderte en familia ou coas amizades pola chousa de Carballolandia  na aldea de Garabelos en Chantada?

 

Parece que vai sendo hora de que planees a túa próxima estadía en establecementos de turismo rural de Galicia .

 

Seguro que entendes que ás persoas que temos a fortuna de acollervos en establecementos de turismo rural de Galicia, só se nos ocorra ofrecervos con emoción unha pequena sinfonía de abrazos. Tan só para recordarvos que vos estamos agardando cos brazos abertos.