ABERTAS DE PAR EN PAR, recitais ao serán. ECUADOR DO CICLO.

15 Outubro 2022

 

A I Edición de Abertas de Par en Par chega ao seu ecuador e gustaríanos darvos as grazas a quen tedes compartido connosco a ilusión de encher de arte, en distintos formatos, as casas de Turismo Rural de Galicia. Arte musical e da palabra que ten servido de fío condutor a esta I Edición de recitais ao serán polo rural galego.

O 24 de setembro presentabamos este Ciclo en Casa do Romualdo, concello de Taboada. Alí, Óscar Fernández e Manu Fraguela facían cantar a capela ás súas “Xemelgas” para deleite dos presentes. E dicimos cantar, porque as mans prodixiosas e emotivas de Óscar e Manu conseguían algo máis que tocar as súas zanfonas xemelgas, transportábannos ao ceo. Ademais, gozamos sorprendidos co falar de Manu, unha rapariga prodixio que nos regalou un discurso improvisado no que sintetizaba á perfección, para a súa xove experiencia, o carácter e a vocación coa que nacía Abertas de Par en Par. Grazas Óscar e Manu!

Uns días máis tarde da Presentación, o 30 de setembro, chegaba a segunda actuación á Casa de Trillo en  Muxía e facíao da man de Soledad Felloza cos seus monólogos e diálogos de voces de mulleres que de pe, ao lado da cociña de ferro, contaban as súas historias cheas de saberes, sabores e sentires. Como e canto nos fixo desfrutar Soledad falándonos da memoria! Grazas Sole!

A Casa Perfeuto María, era o escenario do terceiro recital ao serán. A recente gañadora dos premios Martín Códax na categoría de Cantautora despregaba a súa música de raíz cunha tonalidade propia e xenuína. Como se estivera no seu mesmo salón, Sofía Espiñeira, a voz achegada e nova, enchoupaba as paredes da casa facéndonos pasar un serán inolvidábel aos alí presentes. Grazas Sofía!

O 7 de outubro, a primeira Edición de Abertas de Par en Par arribaba en Rianxo, concretamente na Casa Aldea Os Muiños, onde Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, realizaron unha viaxe pola historia musical de Galicia co aforo do local cheo. Foi un auténtico aquelarre artístico embebernos cos diversos instrumentos que fixeron bailar estas xoias da investigación e interpretación da música tradicional e o folclore. Grazas Pablo e Rosa!

A seguinte parada faciámola no concello de Quiroga. A Casa Grande da Ferrería de Rugando recibía a Germán Díaz. Este xenio da Zanfona, non so a converte en orquestra ao tanxela, ademais, atrévese a darnos un concerto sinfónico acompañado de xoguetes e caixas de música de manivela. Non hai audiencia que non consiga arroubarse así. Un verdadeiro luxo para os sentidos que dificilmente esqueceremos. Grazas Germán!

O 11 de outubro, presentábanse na Pousada Torre Lombarda, concello de Allariz, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez. Outro despregue de coñecementos sobre a historia e evolución da música tradicional. Esta vez, o aquelarre chegou a tal punto que os seus “aturuxos” conseguiron arrebatar aos concorrentes. Grazas, de novo Pablo e Rosa!

Rematamos esta primeira metade de Ciclo da I Edición de Abertas de Par en Par na Casa da Torre Branca, en Santiago de Compostela. Alí, o dúo composto por Ildiko Oltai e Irina Gruia non so fixeron soar os seus violíns maxistralmente, é que as súas divinas mans facíanos borboriñar, laiar, gozar..., atrevéndose incluso a crear diálogos imposíbeis que convertían a música clásica en maxia. Un serán para lembrar. Grazas ConcertArt!

 

Próximos concertos

Temos unha grande noticia, aínda quedan días nos que poderedes vivir un recital singular e inigualábel en contornas privilexiadas. Imos compartir convosco as datas e lugares nos que reservar por teléfono para asegurarvos un serán especial.

O 20 de outubro, ás 20:00 horas, Fernando Barroso, interpretará música popular a través de instrumentos de corda. O insigne concerto será na Casa O Muiño de Pena, concello de O Pino. Chama agora ao 673 820 033 e reserva.

Ese mesmo día, ás 19:30 horas, Mercedes Prieto e Sergio Cobos chegarán a Chantada, concretamente ao Pazo do Piñeiro. Recital de danzas pra todas as idades. Para esta audición xa están todos os asentos comprometidos.

O 21 de outubro, na sobremesa da cea, na Casa Brandariz, concello de Arzúa, Fernando Barroso despregará a súa arte cos instrumentos de corda dos que é un verdadeiro mestre. So tes que chamar ao 981 508 090 para facer efectiva a reserva que precisas.

Sofía Espiñeira, recente galardoada como Cantautora nos premios Martín Códax, actuará na Casa Ramirás en Ourense, ás 20:00 horas. Non podes deixar pasar esta actuación na que, tal e como nos adiantou Sofía na entrevista que lle fixemos, haberá algunha sorpresa-misterio. Chama ao 625 406 310 e reserva.

O 22 de outubro, ás 20:00 horas, Fernando Barroso tocará na Casa dos Muros, concello de Pantón, e un día despois, o 23, farao na casa Aldea Couso Rural, concello de Sarreaus, ás 13:00 horas. É unha excelente oportunidade de escoitar a este excepcional músico e compositor ferrolán que foi membro das bandas de Budiño, Riobó ou Cempés e colaborou con músicos como Julio Pereira ou Fernando Barroso. Non esquezas estas funcións, son a túa derradeira oportunidade de ver a Germán Díaz. Reserva agora no teléfono 610 456 046 para Casa dos Muros, e no 988 100 650 para Aldea Couso Rural.

E antes do arreón final da I Edición de Abertas de Par en Par en novembro, rematamos outubro na Reitoral de Cinés, concello de Oza-Cesuras, co recital ao serán de Germán Díaz. Non tes máis ocasións de gozar coa súa “Música para manivelas” neste Ciclo. Ás 20:00 horas, enriba do escenario, a súa mestría tocando a Zanfona. Non faltes e chama xa ao 981 777 710 para reservar.

De aquí ao 13 de novembro, día final da I Edición de Abertas de Par en Par, irémosvos informando das datas clave a través das nosas redes sociais. Estade atentos!