ABERTAS DE PAR EN PAR

19 Setembro 2022

É Galicia terra abondosa en persoas que fan das artes paixón e vida. Artistas que acotío veñen emocionando e enchoupando os corazóns e a memoria das persoas que gustan de vivir intres inesquecibles. Artistas de recoñecido prestixio que interactúan promovendo unha participación activa do público asistente.

 

» Ver programa completo «

Ben sabes que os aloxamentos de turismo rural  de Galicia constitúen un rico patrimonio arquitectónico, etnográfico e cultural, que debera ser máis coñecido e en moitos casos mellor aproveitado. A súa maior utilización ha contribuír, ben seguro, á súa maior sostibilidade.

E é que un significativo número de aloxamentos de turismo rural de Galicia ofrecen espazos  privilexiados que tan só agardan ser descubertos e utilizados como espléndidos e inmellorables escenarios onde amosar e gozar do bo facer artístico.

I EDICION DE RECITAIS AO SERÁN GALICIA TURISMO RURAL-FEGATUR

Conscientes da forza de tales razóns, dende a Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR, e grazas ao apoio da Axencia de Turismo de Galicia, estamos a piques de estrear a primeira edición de Recitais ao Serán. Desde o 24 de setembro ate o 13 de novembro do 2022, en  magníficos escenarios de 25 casas rurais de Galicia celebraranse vintecinco recitais onde a  música e a palabra cobrarán vida da man do talento, creatividade e bo facer de 12 grandes artistas da nosa terra.

A ilusión, o  alento, o traballo calado e na sombra de persoas compañeiras e a pro activa e xenerosa disposición de todas as persoas artistas, está a facer posible que reluza florido este ramalliño sinxelo e artístico de música, danza, teatro, literatura e memoria. Así que xa podes ir reservando e comezar a soñar ca túa estadía en algunha das vinte e cinco casas de turismo rural de Galicia abertas de par en par, este outono.

En cada unha delas celebrarase un recital ao serán no que artistas e persoas que, coma ti, vos queirades achegar, habedes desfrutar de máxicos e inesquecibles intres en recantos cheos de engado.

CALENDARIO I EDICIÓN DE RECITAIS AO SERÁN GALICIA TURISMO RURAL-FEGATUR

A tempada de Recitais ao serán abrirase nesta I Edición con dúas almas XEMELGAS, concerto do dúo de zanfonas que forman Óscar Fernández e Manu Fraguela, autor e intérpretes da banda sonora da Sinfonía dos abrazos, campaña de spots publicitarios por estacións cos que este ano a Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR ven amosando o espírito da anfitronía a cantas persoas procuran hospedarse nos aloxamentos de turismo rural de Galicia. Podes velos na nosa canle de Youtube https://www.youtube.com/watch?v=p6MCSlkVVMg.

Os Recitais continuarán con Soledad Felloza contando contos para adultos “Ao Pé do lar”, Sofía Espiñeira, flamante finalista dos premios Martín Códax coa súa “Canción de autora-Música de raíz”,  Pablo Carpintero sempre coa paixón por diante ofrecerá unha moi amena charla concerto titulada “Música e evolución”, Germán Díaz, grande entre os grandes,un dos revitalizadores da zanfona en Galicia e responsable da súa incorporación á música do noso tempo convidará a experimentar a maxia do sublime e inefable con “Música para manivelas”. 

Tamén haberá espazo para a Música clásica pra tod@s ”Xogando a dúas voces” co Dúo ConcertArt que forman Irina Gruia e Ildikó Oltai, violinistas da Real Filharmonía de Galicia.

Mercedes Prieto e Sergio Cobos achegarán danzas populares ao público, dun xeito ledo e sinxelo. Fernando Barroso en Concerto”, outro dos magnos músicos e compositores da nosa terra -ferrolán e trotamundos vencellado á música popular galega e portuguesa-, bebe de fontes diversas desde o jazz á música clásica, desde ritmos e sons brasileiros ate os que flúen da cultura persa. Charo Pita e Manuel Vilas poñerán o broche de ouro a estes recitáis ao serán fundindo Narración Oral e arpa medieval para emocionar coa obra De Como O Cabaleiro Roboán Lle Preguntou Ao Emperador Por Que Non Ría”.

Con ilusión, en nome da Federación Galega De Turismo Rural e a través da súa web www.galiciaturismorural.es preséntoche este saudable obsequio para ti e as persoas que queres.

Date un agasallo!, sorprende á túa parella, familia ou amizades cun inesquecible e agarimoso galano.

Ven vivir seráns máxicos en casas rurais da nosa terra. Vintecinco casas rurais agardan por ti, abertas de par en par. Nelas terás doado desfrutar da gastronomía e o patrimonio natural e cultural da súa contorna e de Recitais ao Serán.

» Ver programa completo «